• A arbitraxe de consumo

A arbitraxe de consumo

A lei define o Sistema Arbitral de Consumo como un sistema extraxudicial de resolución dos conflitos xurdidos entre os consumidores ou usuarios e as empresas ou profesionais en relación aos dereitos legal ou contractualmente recoñecidos ao consumidor, de carácter vinculante e executivo para ambas as partes.

A través do Sistema Arbitral de Consumo as partes voluntariamente encomendan a un órgano arbitral, que actúa con imparcialidade, independencia e confidencialidade, a decisión sobre unha controversia ou conflito xurdido entre eles.

Organización do Sistema Arbitral de Consumo

O Sistema Arbitral está composto polas Xuntas Arbitrais e os Órganos Arbitrais.

As Xuntas Arbitrais de Consumo son os órganos administrativos de xestión da arbitraxe institucional de consumo e prestan servizos de carácter técnico, administrativo e de secretaría, tanto ás partes como aos árbitros.

Son Xuntas Arbitrais de Consumo:

  • A Xunta Arbitral Nacional, adscrita ao Instituto Nacional do Consumo.
  • As Xuntas Arbitrais territoriais constituídas mediante convenio de colaboración entre as Administracións públicas e o Instituto Nacional do Consumo, no que poderá preverse a constitución de delegacións da Xunta Arbitral territorial, xa sexan territoriais ou sectoriais.

Na nosa comunidade existe a Xunta Arbitral de Consumo de Galicia que é un organismo vinculado directamente á Xunta de Galicia a través do Instituto Galego de Consumo, con sede en Santiago de Compostela.

Doutra banda están os Órganos Arbitrais, que poderán ser unipersoais ou colexiados, e son os competentes para decidir sobre a solución dos conflitos.

Coñecerá dos asuntos un árbitro único, cando as partes así o acorden, cando o acorde o presidente da Xunta Arbitral de Consumo, sempre que a contía da controversia sexa inferior a 300 € e que a falta de complexidade do asunto así o aconselle. Nos demais supostos, coñecerá dos asuntos un Colexio Arbitral integrado por tres árbitros acreditados elixidos cada un deles entre os propostos pola Administración, as asociacións de consumidores e usuarios e as organizacións empresariais ou profesionais. Os tres árbitros actuarán de forma colexiada, asumindo a presidencia o árbitro proposto pola Administración.

Adhesión

A adhesión ao sistema arbitral pode supoñer para as empresas e profesionais unha garantía de calidade que ofrecen aos seus clientes, de forma que en caso de xurdir un problema que non sexa resolto directamente pola empresa, o cliente ten a garantía de que poderá acudir á vía da arbitraxe. As empresas ou profesionais adheridos ao Sistema Arbitral de Consumo poderán empregar nas súas comunicacións comerciais o distintivo oficial concedido.

As empresas ou profesionais poderán formular por escrito, por vía electrónica a través do procedemento establecido na norma de arbitraxe de consumo, ou en calquera outro soporte que permita ter constancia da presentación e da súa autenticidade, unha oferta unilateral de adhesión ao Sistema Arbitral de Consumo que terá carácter público. O presidente da Xunta Arbitral de Consumo competente para coñecer da oferta pública de adhesión, resolverá motivadamente sobre a súa aceptación ou rexeitamento e, en caso de aceptala, outorgaralle á empresa ou profesional o distintivo oficial.

Xunta Arbitral de Consumo de Galicia

  • Avda. Torrente Ballester nº 1-3-5 Baixo
  • 15707 - Santiago de Compostela
  • Tel. 981.544.512
  • Fax. 981.544.599
  • e-mail: igc@xunta.es

Colexio Arbitral de Consumo da Coruña

  • Edificio Servizos Múltiples Monelos s/n
  • 15071 - A Coruña
  • Tel. 981.184.971
  • Fax. 981.184.976