Metros útiles
É o espazo da vivenda descontando a superficie destinada a muros, tabiques, condutos... Quedan excluídas aquelas zonas en que a altura libre da construción non alcance 1,50 metros, isto é, aquelas zonas en que a distancia entre a parede e o chan é inferior a 1,50. Tamén se inclúe a metade da superficie dos balcóns, terrazas, galerías ou tendedeiros que sexan propiedade privativa, coa condición de que non supoñan máis do 10% da superficie da vivenda.
Metros construídos
É a suma da superficie total da vivenda, incluídos os muros exteriores e a parte proporcional dos elementos comúns do edificio.
Os anexos fan referencia aos espazos que poden prestar un servizo accesorio á vivenda, como os garaxes, trasteiros e faiados. Poden ser xuridicamente inseparables da vivenda, é dicir, a vivenda véndese como un todo composto pola vivenda en si máis o trasteiro ou máis o garaxe, ou cos dous. Pero tamén poden venderse por separado, isto é, ser dúas propiedades distintas.
Unha das expresións que máis vas escoitar durante o proceso de compra é a de "escriturar". Pois escriturar é asinar a escritura pública de compravenda. A escritura pública é o documento que se outorga ante un notario. No que a nós nos interesa, a escritura pública de compravenda é o contrato de compravenda que se asina ante un notario. O notario dá fe pública da operación, examinará os requisitos legais, incluíndo a información do Rexistro da Propiedade e redactará o contrato.
Outro dos termos que escoitarás con frecuencia é o de "rexistrar". Cando se "rexistra" unha escritura pública quere dicir que se inscribiu no Rexistro da Propiedade, que é unha oficina administrativa cuxa función é dar publicidade oficial ás situacións xurídicas relativas á propiedade e determinados dereitos asociados a ela (p.ex., quen é o propietario dun terreo, se está hipotecada, embargada etc.).
O Rexistro é público e o único dato que necesitas saber para facer unha consulta é o do enderezo da vivenda.
O catastro inmobiliario nun rexistro administrativo dependente do Ministerio de Facenda no que se describen os bens inmobles urbanos e rústicos. Esta descrición comprende as súas características físicas, xurídicas e económicas.
Que é a referencia catastral?
A referencia catastral é un código oficial identificador dos bens inmobles, e está composto por vinte caracteres (números e letras). Se queres saber cal é a referencia dunha vivenda pódelo comprobar nun recibo do IBI ou na Oficina Virtual do Catastro.
Punto Información Catastral A Coruña
Xerencias territoriais
Que é o valor catastral?
O valor catastral é un valor administrativo que serve como referencia para determinadas actuacións da Administración, como o pagamento dalgúns impostos ou o cálculo de determinadas subvencións ou bolsas. Este valor está composto pola suma do valor que a Administración lle asigna ao solo máis o valor que lle asigna á construción do piso. Se queres saber cal é o valor catastral dunha vivenda pódelo comprobar nun recibo do IBI.
É o Imposto de Bens Inmobles. Concretamente, é un imposto municipal que grava a propiedade, é dicir, que se paga por ser propietario dos bens inmobles, xa sexan rústicos ou urbanos. É o que se coñece como contribución. Págase anualmente. O importe deste imposto calcúlase tendo en conta o valor catastral do inmoble.
Ordenanza fiscal núm. 15 reguladora do IBI.