vostede está en: especiais / revisión e adaptación pxom / diagnose e síntese / 0.8 vertebrar unha boa estrutura de infraestructuras metropolitanas

0.8 Vertebrar unha boa estrutura de infraestruturas metropolitanas

Vertebrar Infraestruturas

 

O sistema de accesos á cidade desenvólvese a partir dos Plans da posguerra e sobre todo coa actuación da Rede Arterial. Ambas as estratexias formalizan unha gran nova entrada á cidade que será a Avenida Lavedra e o eixo de Linares Ribas e Alfonso Molina.

Débese lembrar que o sistema de acceso tradicional apoiábase en tres grandes eixos que converxían na cidade xunto ao porto. Os diagramas adxuntos mostran a distinta articulación territorial que existía antes da concentración desta entrada "central" que desemboca sobre a cidade histórica e o porto polo interior. Como se pode ver, o peso do acceso desembocaba na porta da Torre de Arriba, onde chegaban os accesos de Fisterre, Castela e Riazor, e máis adiante o eixo da ría aumenta o seu rol ao incrementar o peso do porto.

Debemos atender aos distintos modos de transporte para construír un sistema de mobilidade a escala metropolitana .Neste novo sistema téñense en conta algúns elementos xa suxeridos no plan da Xunta e o propio Plan Xeral vixente.

Deixamos para outro capítulo as discusións complementarias doutras formas de mobilidade, denominadas "brandas" -peón e/ou bicicleta-, ligadas aos espazos urbanos e equipamentos.

Vexamos sucintamente con que elementos poderíase establecer a nova mobilidade a escala municipal coa necesaria hipótese metropolitana que algunhas intervencións implican:

   1. O ferrocarril. Foi un sistema moi potente de comunicación e transporte que vai evolucionar a curto prazo. O seu trazado na cidade foi moi marcado polo porto e a topografía: Unha liña pola cota baixa deu acceso á Estación do porto e á de pasaxeiros xa desaparecida; Outra liña polo interior chega a San Cristóbal e marca o centro do desenvolvemento desde os anos sesenta. Este sistema debe actualizarse -coa construción da AVE e a potenciación do uso metropolitano e rexional- e a súa integración urbana mellorarse.

A proposta da estación intermodal explícase noutro punto. O trazado ao longo da ría pode pasar a ser unha espiña de comunicación metropolitana e na súa chegada a Oza ter unha estación de intercambio co tranvía e bus. Debería valorarse tamén a posibilidade dun uso "tren-tram" -é dicir o uso común do trazado ferroviario para ambos os materiais móbiles- como outras cidades están a desenvolver.

Vertebrar infraestruturas

   2. O tranvía é unha hipótese fundamental no reforzo da estrutura urbana da cidade. Como se lembrará tivo o seu protagonismo no século pasado e A Coruña ten a escala e dimensión para recobrar a súa presenza. Hai que ter presente que a recuperación do tranvía en tantas cidades medias europeas significa un medio de transporte cómodo, eficiente e seguro. Só o nome lémbranos o pasado: a súa capacidade estruturante e a súa eficiencia fan pensar na conveniencia do seu estudo preciso para a súa implantación. Avánzanse algunhas hipóteses de trazado para poder simular as súas vantaxes e impacto.

   3. O transporte público na actualidade ten o seu protagonismo no autobús urbano e o interurbano. Verificáronse o sentido urbano das rutas e itinerarios -radiais, circulares, interiores, exteriores, etc.- e parécenos posible unha estratexia para mellorar a súa eficiencia funcional na cidade. Evidentemente a consolidación da Estación intermodal e a posibilidade do tranvía van influenciar a súa disposición urbana. Os autobuses interurbanos tamén deberían buscar a súa mellora na conexión cos outros modos de transporte, a súa estación debería seguramente integrarse en San Cristóbal.

   4. As autovías e avenidas principais están aínda moi influenciadas pola rede ministerial dos anos sesenta que concentraba a súa forma xeral no eixo central que acaba en Alfonso Molina e un sistema de rondas bastante difícil polo seu trazado e a densificación da edificación en contacto con ela.

Os recentes plans urbanísticos e de infraestruturas trataron de abrir novas entradas á cidade e hoxe ofrécesenos a oportunidade de ver realizada a curto prazo a Terceira Ronda que está en construción. Habería que avanzar dúas cuestións que nos parecen moi importantes:

   a. A Terceira Ronda debería ser un elemento estruturante de servizo á cidade metropolitana e polo tanto o seu trazado ten unha continuidade espacial pero debería adaptarse ás zonas urbanas que cruza buscando unha coherencia con elas. Isto pode influír nos nós e na súa sección.

   b. A posibilidade da súa construción ten que permitir armar unha estratexia de funcionamento do acceso viario cun modelo máis aberto có actual que está demasiado concentrado nun eixo.

"Dun sistema radial a unha malla": parece posible con este novo elemento e con algunhas correccións nalgúns nós empezar a estruturar unha malla en lugar dun sistema radial que necesariamente resulta máis débil ás cargas puntuais singulares.

Infraestruturas
Malla proposta
Vertebrar infraestruturas

   5. O viario urbano de conexión entre distritos. A posible clarificación do viario a escala intermedia, é dicir, o viario de conexión entre partes da cidade parécenos fundamental para mellorar a estrutura entre barrios. Diriamos que hoxe calquera rúa dentro da cidade se non é peonil ten tráfico de coches; e só as direccións únicas ou dobres, a súa posibilidade de aparcamento e os semáforos son as claves do seu funcionamento. Convén suxerir a hipótese de definir unha estrutura de viario urbano por onde discorre o transporte e os movementos entre distritos, intentando seleccionar outras rúas máis locais e mesmo peonís de relación interna.

   6. Os "corredores ou rúas locais" como espazos de relación entre barrios ou áreas urbanas. Precisamente nesta xerarquía ou estrutura urbana aparece o sistema máis distribuído que debería asegurar unha calidade espacial e unha seguridade que invitará o peón a seguir estes itinerarios onde tamén se encontran algúns equipamentos ou puntos de interese urbano.

Unha estratexia deste tipo ten que permitir unha coexistencia entre mobilidades asegurando que outras formas de transporte -máis á escala da Coruña- tomen unha relevancia que neste momento lles está negada.

Concello da Coruña - Praza de María Pita, 1. 15001. A Coruña.