A sexualidade é parte de ti e, ademais, é un valor positivo que hai que coñecer, educar e gozar, desenvolvendo ao máximo as súas posibilidades como medio polo que relacionarte cos demais e como fonte de pracer.
Non obstante, por ignorancia, falsas crenzas ou mitos, ás veces non se coñece nin se goza a propia sexualidade. Ter información e coñecer os recursos cos que podes contar para despexar as túas dúbidas axudarache a vivir a túa sexualidade dunha forma máis satisfactoria, saudable, consciente e responsable.
E lembra: o modo en que sentes e practicas a túa sexualidade afecta á túa vida e á túa saúde, pero tamén á dos demais. Teno en conta, e vive a túa sexualidade dunha forma sa e responsable. A sexualidade ofréceche moitos beneficios, pero tamén presenta algúns riscos: embarazos non desexados, enfermidades de transmisión sexual, posibles comeduras de coco... infórmate ben e logo, ti decides!