Mércores, 17/6/2009
A comitiva saíu da praza de María Pita ás sete da tarde e chegou ata o foro romano para mostrar o seu apoio á candidatura a Patrimonio da Humanidade
Máis de 5.000 coruñeses participan na Marcha Cívica de apoio á Torre de Hércules
Máis de 5.000 veciños e veciñas da cidade sumáronse esta tarde á Marcha Cívica promovida polo Concello da Coruña para mostrar o apoio da cidadanía á candidatura da Torre de Hércules.

Cando só faltan nove días para coñecer a resolución definitiva do Comité do Patrimonio Mundial, os coruñeses encheron as rúas da cidade dende a praza de María Pita ata a Torre de Hércules para mostrar o seu apoio ao faro coruñés. Ataviados con camisetas, pins e pancartas, máis de 5.000 persoas participaron na marcha, que estivo encabezada por membros do goberno local e polo presidente do Instituto de Estudos Torre de Hércules.
Ao rematar a Marcha Cívica, o alcalde da Coruña, Javier Losada, agradeceu o apoio de todos os cidadáns e animounos a seguir participando nas diversas celebracións e actos organizados polo Concello.
O primeiro tenente de alcalde, Henrique Tello, convidou a toda a cidadanía a participar nesta marcha, e tamén na Festa da Luz que se realizará o sábado 20, a partir das 19.00 horas, na Torre de Hércules. Será "unha festa coruñesa e galega de toda a vida", adiantou Tello, na que non faltará a orquestra, a animación e o polbo á feira.