Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

2 de setembro de 2015

Silvia Cameán convoca ás traballadoras sociais do Concello para analizar o borrador da futura Renda Social Municipal

Escoitaremos as súas propostas e profundizaremos nunha análise conxunta e colaborativa desta ferramenta, que constitúe un dos nosos principais compromisos electorais nesta materia, indica a concelleira de Xustiza Social e Coidados.

A concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, convocou ás traballadoras sociais do Concello da Coruña a unha reunión o próximo día 9 de setembro que servirá para analizar o borrador da futura Renda Social Municipal. “Con este encontro queremos coñecer a opinión e as achegas das persoas que logo van ter que traballar con esta ferramenta de forma efectiva”, explica a edila.

“A Renda Social Municipal é unha das nosas principais medidas e compromisos electorais, por iso dende o primeiro momento comezamos a traballar para poder facela posible”, explica Cameán, quen adianta que, neste momento, “atópase xa moi avanzada”.

Non obstante, a intención da concelleira de Xustiza Social é coñecer a opinión daqueles empregados e empregadas municipais que logo traballarán de forma efectiva coa Renda Social Municipal. “Consideramos que as traballadoras sociais teñen moito que dicir e aportar a esta nova ordenanza, xa que son as que día a día tratan coas diversas problemáticas ás que trata de atender esta renda, e son, polo tanto, as primeiras coñecedoras das necesidades actuais e dos aspectos máis prácticos”, indica a concelleira do ramo. “Na reunión que convocamos escoitaremos as súas  propostas e profundizaremos na análise conxunta e colaborativa, xa que cremos na lóxica de construír de abaixo cara arriba”, dixo.

A concelleira Cameán insistiu no seu desexo de que “todas as persoas se sintan partícipes dos cambios e colaboren na configuración dunha ferramenta que mellorará enormemente a calidade de vida da cidadanía”. “Queremos avanzar cara a xustiza social e, por suposto, acompañados de toda a xente imprescindible neste camiño”, resumiu.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión