Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

28 de xullo de 2016

O Concello destina 675.000 euros a programas e actividades de inclusión social a través de convenios e subvencións con entidades sen ánimo de lucro

A Xunta de Goberno Local aprobará mañá protocolos da Concellería de Xustiza Social e Coidados con Cruz Vermella, Aclad, Cáritas e Padre Rubinos para accións que se realizarán este ano destinadas a persoas en risco de vulnerabilidade social, así como unha convocatoria de axudas a entidades de iniciativa social

A Xunta de Goberno local que terá lugar mañá, venres, aprobará a convocatoria de concesión de subvencións para este 2016 a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro destinadas a actividades e proxectos de interese social e, igualmente, os convenios con entidades como son a institución Padre Rubinos, Cruz Vermella, ACLAD e Cáritas para accións relacionadas coa inclusión social. En total, a Concellería de Xustiza Social e Coidados destina a estas iniciativas un total de 674.557 euros, co obxectivo de "reforzar as accións dirixidas a favorecer a igualdade e dar cobertura ás necesidades de persoas en risco de exclusión social e maior vulnerabilidade", tal e como reafirma a titular desta área, Silvia Cameán.

No caso dos convenios, Cáritas recibirá 200.000 euros, de xeito que se duplica a achega respecto á do anterior exercicio, e que servirán para contribuír ao financiamento do programa de axudas sociais dirixido a persoas en situación de necesidade. Ademais, destínanse 130.000 euros ao servizo Calor e Café de Padre Rubinos, dirixido a que persoas en situación de vulnerabilidade social poidan pasar a noite no centro e almorzar -10.000 euros máis que en 2015-. O convenio con Cruz Vermella, por importe de 89.000 euros -19.000 máis que na anterior anualidade-, servirá para dar resposta inmediata a urxencias individuais e colectivas para poboación en situación de vulnerabilidade, e en canto ao protocolo con Aclad, percibirá 180.557 euros, case o triplo que no exercicio precendente, para o mantemento das actividades das unidades asistenciais de atención a persoas enfermas drogodependentes.

Convocatoria de subvencións

En canto ao procedemento para a concesión de subvencións que recibirá o visto bó na Xunta do Goberno local de mañá, o Executivo coruñés destina a esta convocatoria un total de 75.000 euros, que terán como finalidade actividades ou proxectos de promoción e reinserción social, prestación de servizos sociais e, en xeral, aqueles que persigan un interese social no ámbito dos servizos sociais, a realizar ao longo desde ano 2016. A convocatoria vai dirixida  a entidades de iniciativa social ou agrupacións de persoal -nas condicións que se establecen na ordenanza xeral de subvencións da área de Benestar do Concello- e, tal e como se recolle nas bases, os gastos susceptibles de recibir esta subvencións serán aqueles derivados do funcionamento da entidade e necesarios para o desenvolvemento da actividade ou do proxecto obxecto da axuda que se solicita, como os gastos de persoal -sempre que este estea afectado ao cumprimento da finalidade subvencionada-, gastos profesionais ou de organización de talleres e outras accións. Poden quedar incluídos tamén gastos indirectos relacionados co cumprimento das actividades ou proxecto, como pode ser o arrendamento dfo local social, auga, gas, teléfono ou a luz e, de igual xeito, gastos correntes que estean directamente relacionados e sexan necesarios para o desenvolvemento das actividades ou proxectos a subvencionar, como cartelería, folletos, subministros e servizos efectuados por proveedores ou profesionais. Para a concesión destas axudas teranse en conta, entre outros criterios, a tipoloxía das actividades ou proxectos, que poden ser de execución directa con persoas en risco de exclusión, beneficiarias ou destinatarias, ou ben proxectos de sensibilización e prevención dirixidas á poboación en xeral.

Esta liña de subvencións para actividades e programas de inclusión social súmase ás impulsadas por outras concellerías, como a de Igualdade e Diversidade, que para este ano contempla axudas por valor de 100.000 euros dirixidas ás asociacións e entidades locais para accións de inclusión social atendendo á diversidade, así como a promocionar a igualdade de xénero e á prevención das violencias machistas.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión