Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

24 de novembro de 2014

Día contra a violencia de xénero.

Convivir sen violencia tamén depende de ti

O Concello realiza unha campaña co lema 'Convivir sen violencia tamén depende de ti', que inclúe sesións informativas, curtametraxes ou obradoiros en centros cívicos e educativos, centrándose -nesta ocasión- nas familias, adolescentes e xuventude.

O responsable da área de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo, acompañado polo realizador Domingo Díaz Docampo e o presidente do Colexio de Enxeñería en Informática de Galicia, Fernando Suárez, presentou a campaña deseñada polo Concello con motivo da conmemoración, o próximo 25 de novembro, do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Nesta edición, baixo o lema Convivir sen violencia tamén depende de ti, a Concellería de Servizos Sociais busca incrementar a concienciación e a implicación polo público en xeral das distintas manifestacións da violencia, as súas consecuencias e a necesidade de previlas.

"Para combater a violencia de xénero necesitamos a implicación de toda a sociedade. Este é o principal paso para acabar con esta secuela social", destacou Miguel Lorenzo, quen debullou o amplo programa de actividades e os obxectivos incluídos nun díptico informativo que se repartirá durante esta campaña para sensibilizar á cidadanía:

- Involucrar a sectores poboacionais de todas as idades, centrando este ano boa parte das actividades nas familias, adolescentes e mozos.

- Seguir poñendo nun primeiro plano aos menores fillos de mulleres vítimas de violencia de xénero, tratando este ano as consecuencias do abuso sexual sobre a infancia.

- Incidir na erradicación de roles, estereotipos, crenzas e actitudes contraproducentes co fin de erradicar este problema.

- Fortalecer as familias para a prevención, identificación e abordaxe da violencia de xénero na adolescencia.

- Identificar as diferentes formas de ciberacoso, en especial as relacionadas coa violencia de xénero.

- Seguir informando á cidadanía sobre os recursos específicos que desenvolven as distintas administracións públicas, axentes sociais e en concreto o Concello da Coruña a través da Concellería de Servizos Sociais.

A campaña con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero estrutúrase ao redor dunha serie de actividades para chegar a todos os sectores sociais:

- Acto institucional. Celebrarase o vindeiro martes, 25 de novembro, na praza de María Pita a partir das 12.00 horas e consistirá na lectura dun manifesto contra a violencia de xénero. Ao acto convídase ao público en xeral, que acompañará á Corporación Municipal e aos representantes de diferentes institucións e entidades especializadas na materia.

- A XI edición do Festival Libérache. Desenvolverase o próximo 24 de novembro, ás 19.00 horas, no centro cívico dos Mallos.

- Unha sesión informativa sobre malos tratos e abuso sexual á infancia que baixo o título Protexe os seus soños persegue a adquisición de coñecementos relacionados coa incidencia real dos abusos sexuais na infancia e as súas consecuencias. A charla, que se desenvolverá o día 26 de novembro a partir das 18.30 horas no centro cívico de Os Rosales, será impartida por Miguel Clemente, catedrático en Psicoloxía Social e Xurídica da Universidade da Coruña. A iniciativa diríxese ao público en xeral, aínda que será de especial interese para as familias e profesionais que traballen con menores.

- Estrea da curtametraxe Diario sen cadeado. "Podemos consideralo o acto estrela deste ano pola participación no mesmo de mozas e mozos da nosa cidade", destacou o concelleiro, quen explicou que no seu desenvolvemento participaron 18 mozos e mozas dos IES Adormideras e Fernando Wirtz; dos colexios Franciscanos e Dominicos; e do CIFP Someso. "Queremos achegar aos máis novos, desde o seu propio punto de vista, os perigos das redes sociais. Neste sentido, a curta trata a distribución nas redes de material íntimo dunha moza facendo fincapé na sobreexposición na rede, as súas consecuencias e a diferente percepción que os mozos e as mozas teñen sobre este problema", engadiu. A curta estrearase o 27 de novembro, ás 19.30 horas, no centro cívico de O Castrillón.

- O obradoiro Ciberviolencia de Xénero na rede desenvólvese como complemento teórico á curtametraxe e diríxese ao público en xeral, aínda que tamén será de especial interese para familias e profesionais. Esta actividade ten por finalidade aprender a identificar as distintas formas de ciberacoso relacionadas coa violencia de xénero como o grooming ou a sextorsion. Desenvolverase o día 28 deste mes, a partir das 18.30 horas, na aula CEMIT do centro cívico de Eirís e será impartida por un representante do Colexio de Enxeñeiros Informáticos de Galicia.

- Obradoiros de prevención de violencia de xénero en centros educativos, impartidos por profesionais do CIM e da Policía Nacional. 1) Libres de etiquetas, dirixidos ao alumnado de 1º e 2º de ESO. 2) Somos dous, eu tamén conto. Dirixido a alumnado de 3º e 4º de ESO. 3) Convivir sen violencia. Dirixido principalmente a alumnado de 1º e 2º de Bacharelato. "Estes obradoiros desenvolveranse ao longo do curso escolar 2014/15 a petición dos centros a través do proxecto Coruña Educa. Neste primeiro trimestre, con datas xa pechadas, desenvolveranse 36 obradoiros en 10 centros educativos da cidade, chegando a 856 alumnas e alumnos de 12 a 16 anos dos institutos Eusebio da Guarda, Agra do Orzán, Puga Ramón, Ramón Menéndez Pidal, Monte das Moas, Sardiñeira, Adormideras, Urbano Lugrís; o CIFP Paseo das Pontes; e o colexio Franciscanos", explicou o concelleiro.

- Obradoiros de prevención de violencia de xénero en centros cívicos municipais co título ¿Como educar na igualdade e a non violencia na familia? Están dirixidos a nais e pais, avós ou representantes legais de menores con responsabilidades de coidado e educativas. En concreto, entre o 20 de novembro e o 5 de decembro, desenvolveranse 7 obradoiros nos seguintes centros cívicos: Palavea, Monelos-Elviña, Monte Alto, Labañou, San Diego, Eirís e Mesoiro.

BALANCE 2014

O concelleiro de Servizos Sociais explicou que a casa de acollida alberga, nestes momentos, a 4 mulleres e 6 menores. Entre xaneiro e outubro, 54 persoas (26 mulleres e 28 menores) residiron na casa de acollida, idéntica cifra á do mesmo período do ano anterior. Respecto dos pisos de inclusión e transición á vida autónoma contan, a día de hoxe, con 6 residentes (3 mulleres e 3 menores) e, durante os primeiros dez meses do ano, contou cun total de 13 persoas residentes (7 mulleres e 6 menores).

En canto ao CIM, a maior parte das mulleres atendidas, dúas de cada tres, sono por casos de violencia de xénero. Así, foron atendidas 394 vítimas, o que supón o 63% das 628 usuarias recibidas ata o 31 de outubro. Delas, 409 recibiron atención legal, 257 atención psicolóxica e 213 atención social (todas, as 213, por violencia de xénero).

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión