Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

22 de xullo de 2015

A concelleira de Xustiza Social analizará a situación das escolas infantís municipais cunha rolda de visitas por todos os centros da cidade

Silvia Cameán indicou que a intención do Goberno local é traballar conxuntamente coas EIM na busca de novas fórmulas que poñan en valor a calidade dos servizos públicos e garantir a conciliación familiar e laboral.

A concelleira de Xustiza social e coidados Silvia Cameán, iniciou este martes unha rolda de contactos con todas as Escolas Infantís Municipais (EIM) da cidade, que comezou cunha visita ás de Carricanta e Arela. As entrevistas desenvolveranse durante esta semana e a próxima, co fin de coñecer de primeira man as dependencias municipais, así como presentarse ás traballadoras destas escolas públicas.

“Nun contexto marcado polos recortes e as continuas agresións ao público, desde o Goberno local consideramos que a educación é un dos dereitos fundamentais, que tamén fai falta defender na etapa infantil”, dixo a concelleira de Xustiza Social, que se comprometeu a centrarse especialmente nesta tarefa durante todo o mandato.

Cameán resaltou a aposta pola educación pública, á vez que puxo en dúbida a eficacia das políticas de xestión do servizo postas en marcha pola Xunta de Galicia. En concreto, explicou que o programa do cheque infantil da Administración autonómica “fomenta e propicia a escolarización en centros privados en vez de afrontar a escaseza de prazas nos centros públicos”. “Opoñémonos á xestión privada e apostamos firmemente polos servizos públicos”, indicou a responsable de Xustiza Social.

A intención da Concellería de Xustiza Social e Coidados é  traballar conxuntamente coas EIM na procura de novas fórmulas que sigan poñendo en valor a calidade dos servizos públicos, da atención ás nenas e aos nenos, e a garantía na conciliación familiar e laboral. Neste proceso de mellora, Cameán resaltou que o obxectivo da súa área será “dar resposta” ás necesidades das familias mediante “unha interlocución continua cos centros educativos”. “As escolas infantís na nosa cidade son a historia do inicio da educación pública na Coruña”, explicou durante a visita aos centros educativos. “A educación infantil é un símbolo de identidade desta cidade, por iso imos defender estas escolas con propostas educativas, apoio, recoñecemento e escoita activa”.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión