Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

24 de outubro de 2016

O programa municipal de integración social 'A Flote' prestou axuda en catro meses a 69 persoas en risco de desafiuzamento

A concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, salienta a axilidade da prestación, que se desenvolve en colaboración coa Fundación Emalcsa, e que fixo efectivas as axudas económicas no período máximo de dous días desde a solicitude, para evitar lanzamentos ou proporcionar unha alternativa habitacional inmediata

A concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, fixo este luns balance do desenvolvemento do programa de integración social A Flote, que o Concello puxo en marcha no mes de xuño a través dun convenio de colaboración coa Fundación Emalcsa, e que dende entón prestou axudas a un total de 69 persoas, "co obxectivo de evitar desafiuzamentos ou, en casos inminentes e inevitables, proporcionar unha alternativa habitacional inmediata". Dese total de persoas beneficiarias, pertencentes a 19 familias, cóntanse 27 menores. Como expón Cameán, esta nova liña de prestacións xurde para atender a situacións de risco de exclusión que non poden ser atendidas por outras vías de intervención pública normalizada, e que teñen carácter urxente, puntual ou transitorio, para evitar situacións de desprotección derivadas de requisitos de carácter formal das mesmas ou a problemas de procedemento, de xeito que facilitan as actuacións urxentes e necesarias para evitar lanzamentos e desafiuzamentos de vivendas ou, no seu caso, facer posible a transición inmediata a novas vivendas. Neste sentido, a responsable municipal salienta a axilidade da concesión das axudas deste programa, xa que todas elas fixéronse efectivas no prazo máximo de dous días desde a súa solicitude. "Con este programa o que buscamos é seguir avanzando para resolver situacións de exclusión e achegar ás persoas que o necesitan as ferramentas necesarias para que poidan recuperar a súa autonomía", salienta, indicando que a concesión das axudas vai asociada a  itinerarios de inserción social.

A concelleira destaca que este programa serve tamén para impulsar o carácter social da Fundación Emalcsa, que se encarga de prestar información e facer acompañamento e asesoramento ás persoas solicitantes, ademais da xestión administrativa  e do seguimento e xestión das accións de inserción social que establece o programa, mediante un traballo coordinado e en rede cos servizos sociais municipais, que interveñen nos procesos. "Deste xeito, favorécese a coordinación dos casos e pódense paliar situacións de especial vulnerabilidade e urxencia polo risco de perda de vivenda e outros factores asociados, como a protección de menores de idade ou de persoas dependentes en risco de exclusión", fai notar a concelleira, quen indica que A Flote serve ademais como programa piloto que permite avaliar as posibilidades de mellora do sistema de cara a poñer en marcha novas modalidades ou potenciar as xa existentes.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión