Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

20 de outubro de 2015

Preto de 6.000 escolares participarán no programa municipal de Educación para o Consumo ofertado pola OMIC

A Oficina Municipal de Información ao Consumidor oferta 242 obradoiros a 33 centros escolares e organiza, ademais, un curso para adultos.

Un total de 5.742 escolares coruñeses participarán este curso académico 2015-2016 no programa 'Educación para o Consumo', ofertado pola Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC), dependente da Concellería de que Emprego e economía social dirixe Alberto Lema. A través do programa municipal Coruña Educa 2015/2016, este ano, o organismo local realizou unha oferta “que recolle novas actividades e potencia aquelas máis demandadas pola comunidade escolar”. En concreto, o programa para este curso foi solicitado por un total de 33 centros educativos da cidade, e contará con 242 obradoiros.

Como en cada edición, a OMIC realiza a programación das actividades para ensinar ás persoas consumidoras que forman parte da comunidade escolar hábitos responsables ante as relacións de consumo. O concelleiro Lema destaca que “os obradoiros foron deseñados segundo as distintas etapas educativas; deste xeito, os responsables docentes e o persoal de orientación do centro puideron escoller aqueles que mellor se adaptaron ao desenvolvemento curricular dos e das participantes, coordinando coa OMIC as datas e horarios máis idóneos”.

O bloque temático “Os menores e o consumo”, con 66 solicitudes, foi o que máis inscricións de obradoiros recibiu, aínda que tamén destacan as 63 solicitudes relacionadas coas novas tecnoloxías.

Os obradoiros impártense en todos os niveis educativos -de Infantil a Bacharelato, ademais dos ciclos formativos-- duran unha hora e desenvólvense nas aulas e instalacións da OMIC.

Obradoiros para adultos

Doutra banda, a Oficina Municipal de Información ao Consumidor da Coruña tamén impartirá obradoiros  para adultos a partir do próximo día 6 de novembro e ata o 18 de decembro.

Este ano serán seis os obradoiros de formación para adultos en materia de consumo que se impartirán nos meses de novembro e decembro nas instalacións da OMIC. “Estas actividades teñen o obxectivo fundamental de concienciar ás persoas adultas da importancia da responsabilidade no consumo doméstico, así como de achegar aos consumidores a información necesaria para entender a factura da luz”, dixo o concelleiro. Impartiranse tamén obradoiros sobre novas tecnoloxías e medicamentos.

As actividades son gratuítas, pero precisan inscrición previa. O programa e datas dos mesmos é a seguinte:

  • 6 de novembro: Como aforrar coa nova factura da luz. Coa entrada en vigor do novo sistema de tarifas eléctricas por horas este obradoiro centrarase en explicar o novo sistema, comprobar a curva de prezos e pescudar que franxas horarias son máis económicas. En definitiva, analizar os nosos hábitos e as nosas facturas conforme ao novo sistema.
  • 13 de novembro: Consumo responsable no fogar. Como aforrar nas subministracións básicas. Obradoiro centrado nas subministracións básicas do fogar que abordará aspectos prácticos a ter en conta tanto para reducir os gastos, como para coñecer e entender as facturas.
  • 20 de novembro: Redes sociais. Evita os perigos e crea a túa identidade dixital. Obradoiro centrado en ofrecer ás persoas consumidoras o coñecemento necesario para enfrontarse aos desafíos relacionados cos sitios web de comunidades ou de redes sociais, así como facer ver as vantaxes de crear a identidade dixital, para que os nosos actos na rede poidan reflectirse en calquera tipo de contido, noticias, blogs, foros, sitios web persoais, imaxes, etc.
  • 4 de decembro: Seguridade en Internet. Navegación segura e compras na rede. Obradoiro centrado en previr ás persoas consumidoras dos principais perigos de internet e proporcionarlles ferramentas para ser consumidores conscientes das novas tecnoloxías e mostrar os diferentes riscos que entraña a web (estafas, acoso, privacidade).
  • 11 de decembro: Uso racional dos medicamentos. Obradoiro centrado na información necesaria para sensibilizar á poboación da importancia do uso con sentido dos medicamentos.
  • 18 de decembro: Entendendo a factura da luz. Obradoiro no que, desde un punto de vista práctico, se explicarán os diferentes conceptos que conforman a factura da luz.

O horario das actividades será de 11:30 a 13:30 horas e está dirixido a maiores de 18 anos.

Prazas: Cada obradoiro terá un máximo de 30 persoas. En caso de exceder a capacidade, as prazas asignaranse por rigorosa orde de inscrición.

Lugar: Auditorio da OMIC (c/ Costa da Palloza, 8).

Como inscribirse? Nas oficinas da OMIC da Coruña, de luns a venres entre as 08.00 h. e as 14.00 h.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión