Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

14 de maio de 2014

O Concello organiza cursos sobre xestión da economía no fogar para lles axudar ás familias para aforrar na factura da luz, a auga ou na hipoteca

Os talleres, nos que participa Adicae, abordarán aspectos como hábitos de compra, o sobreendebedamento e como xestionar servizos para unha maior racionalización dos recursos do fogar

O Concello da Coruña, a través da Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) que dirixe Luisa Cid, organiza entre maio e xuño e baixo o lema Economía e aforro no fogar
un ciclo de talleres para adultos cuxo obxectivo é facilitar a economía do fogar, ensinándolles ás familias a xestionar mellor as súas hipotecas, a previr situacións como o sobreendebedamento e a saber aforrar en subministracións básicas como a factura de luz, a auga ou internet.

Os talleres forman parte do programa Educación para o consumo impulsado polo Concello e contan coa participación da asociación de consumidores Adicae, que impartirá algúns dos cursos. A oferta da OMIC tratará aspectos de preocupación para os consumidores, cuestións que centran gran parte das súas dúbidas e sobre as que buscan asesoramento cando acoden ás oficinas da OMIC.

Nos cursos daranse fórmulas ao consumidor para conseguir un maior aforro na xestión das súas economías e mellorar a calidade de vida dos seus fogares. Os talleres terán lugar no auditorio das oficinas da OMIC, no número 8 da rúa Costa da Palloza, os días 23 e 30 de maio e 6, 13 e 20 de xuño:

  • A miña hipoteca: coñecela e xestionala (23 de maio). Abordará cuestións como o préstamo hipotecario, as obrigas de información neste tipo de produtos, comisións, impostos e gastos na constitución da hipoteca. Tipos de interese, de referencia e cláusulas e prácticas abusivas. As modificacións na hipoteca (subrogación e novación), ademais de produtos vinculados ao préstamo serán tamén aspectos que se abordarán no taller.
  • A nova factura da luz (30 de maio). O curso centrarase na nova facturación eléctrica e nos cambios que afectan aos prezos voluntarios para o pequeno consumidor (PVPC). Tamén incidirá nos hábitos de consumo e nas alternativas para reducir a factura da luz.
  • O sobreendebedamento: como evitalo e xestionalo (6 de xuño). Tratará as principais regras do consumo responsable, intentando evitar situacións de sobreendebedamento para lograr unha mellor xestión da renda dispoñible. Rexistros de morosos, renegociación de préstamos, custos e riscos das entidades de reunificación de débedas, execución hipotecaria e moratoria e a xestión do orzamento familiar tamén se tratarán no taller.
  • Como reducir os gastos de subministracións básicas do fogar (13 de xuño). Aprender a aforrar nos recibos da auga, teléfono, internet e gas. Reducir os gastos e coñecer e entender as facturas.
  • Economía e aforro no fogar (20 de xuño). O taller ensinará a utilizar aplicacións para controlala e bos hábitos para reducir gastos dende un punto de vista xeral, atendendo a todos e cada un dos gastos da unidade familiar.

Todos os cursos impartiranse en horario de mañá, de 11.00 a 13.00 horas, e cada un terá capacidade para 25 prazas que se asignarán por rigorosa orde de inscrición. As persoas interesadas pódense inscribir de luns a venres nas oficinas da OMIC, en horario de 08.00 a 14.00 horas. Para máis información, pódese chamar ao teléfono 981 18 98 20.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión