Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

8 de abril de 2015

Luisa Cid presenta a memoria da OMIC que durante o 2014 tramitou 1.280 reclamacións e atendeu unha media de 1.500 consultas ao mes

O sector servizos, coma luz, auga, gas e telecomunicacións, entre outros, acaparou o 91,80% das consultas e o 81,14% das queixas. A Oficina Municipal de Información ao Consumidor xestionou directamente 9 de cada 10 denuncias, a metade cun resultado favorable para o denunciante e con devolucións por importe de 109.704 euros. As actividades educativas alcanzaron a maior participación da historia da OMIC, con 7.710 nenos en 337 talleres.

A Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) realizou 18.807 actuacións en 2014, das cales, 17.527 foron consultas e 1.280 reclamacións, o que supón un lixeiro descenso respecto ao ano anterior, cando se tramitaron 18.032 consultas e 1.349 queixas, segundo a memoria presentada esta mañá pola tenente de alcalde de Emprego e Empresa e responsable deste organismo, Luisa Cid.

O informe sinala que con respeto a 2013 se rexistrou unha baixada do 2,80% no número de consultas -malia que no 2014 se contabilizaron unha media de 1.500 ao mes- e un descenso do 5,11% no apartado de reclamacións. En ambos os casos o motivo hai que buscalo, indicou Cid, no sector das preferentes e subordinadas que nos dous últimos anos protagonizaron boa parte das queixas e dúbidas dos consumidores.

“No 2014, as consultas relacionadas cos produtos bancarios volveron aos seus niveis habituais, ata o punto de que a atención deste sector caeu ao 4%, deixando atrás o 21% de 2012 e o 18% de 2013, e as dúbidas máis frecuentes o pasado ano xiraron ao redor de comisións bancarias, préstamos e cláusulas chan”, explicou Cid.

O SECTOR MÁIS DEMANDADO

A memoria da OMIC recolle que o sector servizos (entre o que se atopa a luz, o gas, a auga e as comunicacións) xerou, un ano máis, a gran maioría das consultas cidadás (91,80%) e tamén das reclamacións (81,14%). Este sector engloba campos tan variados como servizos a domicilio, academias, tinturerías, transporte aéreo ou telefonía, aínda que luz, auga, gas e comunicacións coparon o 57% das dúbidas e o 62% das queixas recollidas.

No caso concreto dos produtos relacionados coas novas tecnoloxías, as tablet, portátiles, terminais móbiles, televisións e cámaras dixitais causaron o maior número de conflitos, fundamentalmente por fallos nos produtos ou incumprimentos da normativa de garantía.

SOBE A MEDIACIÓN

O informe do 2014 tamén reafirma o papel da OMIC nas mediacións, unha das tarefas máis relevantes deste organismo e que se afianza ano a ano, tal e como demostran as estatísticas. Así, o 89% das 1.280 reclamacións presentadas o pasado ano (case nove de cada dez) foron tramitadas directamente pola OMIC, o que supón un total de 1.136 e un 1% máis que en 2013.

En canto aos resultados, en case a metade dos expedientes (555) houbo acordo entre as partes, mentres que 445 foron trasladados a outros organismos, 142 remitidos á Xunta Arbitral, e 68 a outras dependencias municipais. O resto foron arquivados.

As empresas de telefonía móbil (21,30%) recibiron o maior número de propostas de mediación, seguidas das eléctricas (20%), telefonía fixa (17%) e transporte aéreo, cun 5%. Pola súa banda, os sectores que deron os resultados máis positivos en relación ao número de mediacións realizadas foron auga e alimentación, con resultados favorables no cento por cento dos casos. Seguíronlle servizos de asistencia técnica (81%), mentres que electrodomésticos, hostalería e transporte ocuparon os últimos postos do ranking.

Luisa Cid lembrou que a OMIC da Coruña “cumpre escrupulosamente a lei galega de protección ao consumidor”, unha normativa que determina a obrigación de mediar nos conflitos de consumo que manteñen os cidadáns, un mecanismo que se pon en marcha tras analizar caso por caso e valorar a viabilidade de iniciar o proceso conciliador.
“Este procedemento é un trámite moi demandado polos usuarios, ata o punto -subliñou Cid- de que xa é a función máis importante da OMIC xunto á de proporcionar información ao cidadán”. A concelleira tamén se referiu ao valor económico das reclamacións presentadas, que durante o pasado ano ascendeu a 315.958,58 euros. Do devandito importe, realizouse mediación por un total de 280.237,31 euros e devolvéronse aos consumidores 109.704,82 euros.

PERFIL DO CONSUMIDOR

Respecto ao perfil do reclamante, a memoria da OMIC non revela grandes cambios respecto de exercicios anteriores. O maior número de queixas presentáronas persoas de entre   40 e 59 anos, representando o 41,35%. Séguelle o colectivo de entre 21 e 39 anos (30%).

Por xéneros, as diferenzas son mínimas: 691 reclamacións interpuxéronas mulleres e 581, homes. O resto foron presentadas por persoas xurídicas. En canto ao nivel de formación, as persoas con estudos básicos ocuparon o primeiro posto (45,3%), seguidas a moita distancia polos cidadáns con FP, grao superior ou Bacharelato.

Doutra banda, o 8% das consultas atendidas foron de persoas non empadroadas no termo municipal da Coruña e o 65% destas solicitudes de información residían na área metropolitana, sendo os veciños de Culleredo os que máis utilizaron o servizo.

ACTIVIDADES EDUCATIVAS

Por último, os programas educativos e os talleres da OMIC bateron en 2014 records de asistencia, rexistrando os índices de participación máis elevados da súa historia. Luisa Cid fixo fincapé en que a oferta se deseñou atendendo a distintos perfís e necesidades de distintos sectores da poboación (Coruña Educa, actividades en centros cívicos e asociacións, talleres para adultos e programas de verán). “Foi un programa moi pensado, completo e diversificado”, indicou.

Así, en programas como Coruña Educa, o pasado ano rexistrouse un incremento do 61% respecto do 2013, coa presenza de 7.710 escolares e a realización de 337 talleres; mentres que os cursos e itinerarios formativos nos centros cívicos rozaron o medio milleiro de asistentes. 

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión