Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

12 de xuño de 2014

A OMIC ofrece este verán 130 prazas gratuítas para talleres infantís e xuvenís sobre consumo responsable e uso seguro de novas tecnoloxías

"As solicitudes de inscrición poderanse realizar do 16 ao 20 de xuño e os cursos desenvolveranse nos meses de xullo e agosto". O programa "Non te enredes na rede" incorpórase por primeira vez á programación ante o incremento de reclamacións polo uso que fan os menores das redes sociais e dos móbiles, explicou Luisa Cid

A tenente de alcalde de Emprego e Empresa, Luisa Cid, presentou esta mañá a nova programación educativa para o verán organizada pola Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) que arrinca o próximo 30 de xuño cun total de 130 prazas gratuítas para participar en dous programas educativos. Trátase da Escola de Verán para o Pequeno Consumidor, dirixido a nenos de entre catro e dez anos que se desenvolverá en xullo, e de Non te enredes na Rede, que se impartirá en agosto e destinado á poboación adolescente.

Na presentación das actividades, a concelleira explicou que este verán ampliouse a oferta de edicións anteriores coa incorporación de Non te enredes na Rede. Luisa Cid engadiu que o programa está deseñado para atender as dúbidas e achegar información útil a un colectivo, o da mocidade, especialmente vulnerable e tamén un dos máis expostos aos perigos de Internet, indicou Cid.

Neste sentido, engadiu que o número de reclamacións relacionadas con menores e Internet incrementouse nos últimos anos. Así ao longo do 2013 a OMIC atendeu 89 queixas e no que vai de ano, dende xaneiro a maio xa se rexistraron 58. A maioría das reclamacións preséntanas pais cuxos fillos navegaron pola Rede sen a supervisión e control dun adulto. Descargas de xogos, tons e melodías con subscricións a servizos de pago e problemas de privacidade son algunhas das queixas máis comúns presentadas na oficina da OMIC.

O Concello decidiu poñer en marcha estes cursos sobre o uso de Internet para dar resposta a unha necesidade social que nos últimos anos aparece reflectida nas memorias da OMIC”, dixo Cid.

O contido dos programas é o seguinte:

ESCOLA DE VERÁN PARA O PEQUENO CONSUMIDOR

Os talleres deste programa centraranse en realizar actividades para concienciar os máis pequenos da importancia da responsabilidade no consumo de forma que adquiran hábitos para ser consumidores responsables e comprometidos.

O itinerario formativo consistirá en aprender xogando a través de xogos de mesa, manualidades ou xogos de pistas. Os nenos aprenderán a elaborar dende sales de baño con esencias ou xaropes de froitas ata papel reciclado artesanal, papaventos de papel de xornal e caretas con cartón reutilizado. O programa inclúe apartados como enerxías renovables e visitas ao mercado municipal e ao monte de San Pedro.

Os cursos desenvolveranse do 30 de xuño ao 1 de agosto en horario de 10.00 a 13.30 horas para nenos de entre 4 e 10 anos. O programa oferta un total de 100 prazas que se distribuirán entre o 30 de xullo e o 1 de agosto en catro quendas de 25 prazas cada un. A duración de cada un dos talleres é de cinco días.

NON TE ENREDES NA REDE

O programa dirixido a adolescentes "Non te enredes na Rede" nace co obxectivo de lles dar a coñecer aos mozos e mozas as distintas ferramentas que a tecnoloxía nos achega para facer un uso seguro das Tecnoloxías da Información co fin de protexer datos, arquivos e as comunicacións, ademais de aprender a identificar os riscos e como actuar ante eles.

Os talleres do programa son os seguintes:

- A que non sabes quen son? Privacidade e seguridade: Analizaranse as malas prácticas na comunicación nas redes sociais e os seus perigos e consecuencias. Tamén se aprenderá a configurar as opcións de privacidade e seguridade das principais redes sociais que empregan os adolescentes e daranse consellos prácticos para evitar riscos derivados do mal uso das redes sociais.

- Son máis intelixente có meu smartphone: protección da información almacenada: O taller ensinará a asegurar os móbiles para evitar perder a privacidade e os datos e arquivos almacenados no dispositivo.

- Money, money: compras seguras en Internet: daranse a coñecer as claves precisas para que as compras por Internet e as que se realizan a través dos dispositivos móbiles sexan seguras e fiables.

Os talleres para a xuventude impartiranse entre o 5 e 14 de agosto en dúas quendas –cada unha de tres días de duración- e en horario de 11.00 a 12.30 horas durante tres días. Haberá 15 prazas por grupo e está dirixido a adolescentes de 12 a 15 anos.

Todas as actividades da programación educativa da OMIC son gratuítas pero necesitan inscrición previa. As prazas adxudicaranse por rigorosa orde de inscrición. As solicitudes para participar en calquera dos dous programas poderanse realizar do 16 ao 20 de xuño nas oficinas da OMIC, de 08.00 a 14.00 horas (Costa da Palloza, 8) adxudicándose as prazas por rigorosa orde de inscrición. En cada solicitude só se poderá apuntar unha persoa participante e só se poderá pedir unha quenda por solicitude.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión