Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

27 de marzo de 2014

A Lei xeral para a defensa dos consumidores e usuarios mellora a súa protección en todas as transaccións a distancia

A lei amplía o prazo legal para que o consumidor poida desistir do contrato a un mínimo de 14 días naturais.

O Pleno do Senado aprobou hoxe, de maneira definitiva, o Proxecto de Lei pola que se modifica o texto refundido da Lei seral para a defensa dos dereitos dos consumidores e usuarios e outras leis complementarias. A norma, adapta á lexislación española a Directiva 2011/83/UE do Parlamento Europeo e do Consello sobre os dereitos dos consumidores.

O seu obxectivo principal é reforzar a seguridade xurídica, tanto destes como do empresario que formalizan transaccións a distancia, polo que introduce medidas encamiñadas a reducir a desigualdade de posicións entre ambas as partes, evitando situacións de desprotección dos consumidores.

 

Os principais eixos nos que se articulan as novidades da lei son os seguintes:

1. Información. Amplíase a información precontractual que, por lei, haberá que facilitarlles aos consumidores e usuarios, en xeral e, en particular, cando formalicen contratos a distancia. Terá que ser clara e comprensible.

2. Dereito de desistimento. Introdúcense novas garantías en canto á posibilidade de renunciar ou desistir do contrato. Así mesmo, amplíase o prazo no que se pode exercer: dos 7 días hábiles actuais a 14 días naturais. No caso de que non se informou ao consumidor de que pode exercer este dereito, o prazo queda automaticamente ampliado a 12 meses. A nova norma, ademais, incorpora un formulario de desistimento común en Europa, que facilita o exercicio deste dereito e que se terá que facilitar xunto coa información previa ao contrato.

3. Novos dereitos. O texto dota os consumidores de novos dereitos, referidos á forma e os prazos de entrega e o risco de perda ou deterioración do ben adquirido, entre outros. Trátase dunha regulación necesaria, se se ten en conta o importante crecemento do comercio electrónico e as transaccións a distancia nos últimos anos en España.

CARGAS ENCUBERTAS

Entre as novidades da lei aprobada hoxe figuran medidas para evitar as “cargas encubertas”. Así, o empresario terá que velar porque o consumidor, ao realizar un pedido a través de Internet, confirme que é consciente de que este implica unha obriga de pago. Deste xeito, o usuario sempre terá que aceptar o prezo final antes de que conclúa a transacción. Se o empresario non obtén o consentimento expreso do consumidor para un pago adicional ao acordado e, no seu lugar, dedúceo utilizando opcións por defecto, o usuario terá dereito ao reembolso do pago. En canto aos cargos adicionais que poden derivarse dos contratos formalizados a distancia, o texto establece novas regras. Por exemplo, no caso de que o empresario decida habilitar unha liña telefónica para comunicarse cos seus clientes en relación ao contrato, o uso desta liña non poderá supoñer un custo superior ao da tarifa básica. Ademais, os empresarios non lle poderán facturar ao consumidor cargos polo uso de determinados medios de pago que superen o custo ao que teñen que facer fronte eles polo seu uso.

CONTRATOS TELEFÓNICOS

Por outra banda, a lei aborda a contratación telefónica de bens e servizos e propón un sistema que protexa os consumidores e usuarios, e que ao mesmo tempo non supón cargas excesivas para os empresarios. Nos casos nos que a empresa sexa a que se poña en contacto telefónico cun usuario para formalizar o contrato, deberá confirmar a oferta por escrito ou, salvo oposición expresa do consumidor, nun soporte duradeiro. A oferta non será vinculante ata que o consumidor asinase a oferta, ou enviase o seu acordo por escrito xa sexa en papel, por fax, correo electrónico ou por unha mensaxe de SMS. Deste xeito, asegúrase que o consumidor é plenamente consciente do que está a aceptar ao garantirse adecuadamente que recibe a información precontractual obrigatoria, algo que non é posible se o proceso completo se leva a cabo nunha única conversa telefónica. Con estas novidades articularase a nova regulación dun sector en auxe que supoñerá un avance para salvagardar os dereitos dos consumidores e usuarios e, á vez, resultará positivo para as empresas, xa que as dota de seguridade xurídica e fomentará o consumo de bens e servizos utilizando as novas tecnoloxías.

“SPAM” TELEFÓNICO E NOVOS DEREITOS

Durante a tramitación parlamentaria, introducíronse importantes novidades. Tal e como anunciou a ministra Ana Mato o pasado mes de outubro, adoptouse unha fórmula, adoptada co consenso maioritario, para poñer límites ao “spam” ou “acoso” telefónico que sofren os consumidores. Deste xeito, habilítase un sistema para que, na primeira chamada en que se realiza unha oferta comercial, o usuario poida rexeitar recibir máis chamadas. Ademais, como afirmou a ministra, establecéronse as garantías suficientes para que se respecte a intimidade das persoas. Deste xeito, quedan prohibidas as chamadas telefónicas para realizar ofertas comerciais entre as 21.00 e as 9.00 horas, así como as fins de semana e festivos. Así mesmo, a norma aprobada hoxe, tras pasar polo Congreso e o Senado, modifica a Lei de axuizamento civil para lexitimar os fiscais para representar os consumidores en reclamacións colectivas ante cláusulas abusivas nos contratos por parte das empresas como bancos ou compañías subministradoras de servizos de gas, luz, teléfono ou outros. Tamén se acordou que as facturas electrónicas se emitan só no caso de que o consumidor dea o seu consentimento. Mentres este non se produza, publicaranse en papel e non supoñerán un custo adicional para o consumidor.

CIGARRO ELECTRÓNICO

Coa lei aprobada hoxe no Parlamento, ademais, España emprendeu, no marco das súas competencias, unha regulación relativa ao consumo dos cigarros electrónicos. Con ela, o noso país adiántase á normativa europea e ponse á cabeza da UE na lexislación sobre estes dispositivos. A proposta do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade alcanzou en decembro pasado un amplo consenso entre as comunidades autónomas, coas que se acordou no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde do pasado mes de decembro, e tamén no Parlamento. Deste xeito, acordouse unha postura común para limitar o consumo de cigarros electrónicos ata que non se coñezan os efectos para a saúde, priorizando a protección aos menores, para os que xa están prohibida a publicidade e o consumo. Co texto aprobado, queda prohibido o seu consumo en centros educativos e zonas infantís, centros sanitarios, centros das Administracións Públicas, servizos de atención á cidadanía e transporte público. En canto á publicidade, prohíbese a publicidade daqueles dispositivos susceptibles de liberación de nicotina nos soportes ou franxas horarias que poidan ser visionadas por menores de 18 anos. Ademais, deberán incluír dun modo claramente visible que conteñen nicotina e que esta é altamente adictiva. O obxectivo é protexer a saúde da cidadanía e evitar posibles efectos prexudiciais, tendo en conta de que, na actualidade, e segundo manifestou a Organización Mundial da Saúde, non se poden excluír os riscos para a saúde da exposición ao vapor destes produtos.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión