Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

6 de marzo de 2014

Mobilidade creará novos itinerarios e aumentará a rede de aparcadoiros para fomentar o uso da bicicleta

O primeiro Plan de Mobilidade Urbana Sostible da cidade tamén propón a conexión en bicicleta do núcleo urbano co campus de Elviña e coa área metropolitana.

O Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) da Coruña busca dar prioridade -xunto a peóns e ao transporte público- aos ciclistas, desenvolvendo iniciativas que fomenten o seu uso, como a creación dunha rede de itinerarios para bicicletas, entre os que destaca a conexión do núcleo urbano cos campus universitarios; incrementar o número de aparcadoiros; e potenciar o servizo público de Bicicoruña.

O primeiro Plan de Mobilidade Urbana Sostible da cidade defende que A Coruña é unha urbe "adecuada para a mobilidade en bicicleta" e, polo tanto, para converterse nunha alternativa de transporte real para determinados segmentos de poboación e determinados tipos de viaxes, cunha ampla marxe de mellora, pois no 2012 só un 0,4% dos desprazamentos realizáronse en bicicleta.

A Concellería de Mobilidade que dirixe Begoña Freire destaca que A Coruña dispón de varios tramos de vías ciclistas, pero non están conectados nin contan coa funcionalidade adecuada para atender os desprazamentos cotiáns e fundamentalmente teñen uso recreativo. Ademais, existen 82 emprazamentos para o estacionamento de bicicletas -principalmente ao longo do paseo marítimo-, con especial atención ao servizo público de Bicicoruña, cuxo uso se quintuplicou nos últimos anos.

"A bicicleta é o medio de transporte máis sostible, polo que se debe fomentar o seu uso, mellorando a súa seguridade e formando os usuarios e condutores doutros vehículos no uso compartido do viario", sinala o diagnóstico do PMUS, que ten como principal obxectivo potenciar a utilización da bicicleta nos desprazamentos cotiáns polo viario urbano interior e que non sirva soamente para o lecer.

O Plan Mobilidade Urbana Sostible recolle unha serie de propostas que vertebrarán a implantación da bicicleta e para corrixir as debilidades que na actualidade existen a nivel da mobilidade na cidade, como a falta de conexión entre cada un dos tramos da rede, a escasa adecuación das vías do interior urbano, os problemas de concienciación sobre mobilidade ciclista ou o nivel elevado de motorización na Coruña. Entre as principais iniciativas desenvolvidas no PMUS destacan:

- Rede de itinerarios ciclistas. "Os tramos ciclistas actuais, basicamente con tipoloxía de beirarrúa-bici, son descontinuos, inconexos, sen entidade propia e asociados a itinerarios lúdicos que transcorren polo litoral e carecen do necesario carácter funcional. Dentro da cidade unicamente existen dous tramos, o da avenida de Pablo Picasso (con delimitacións de aceiro pouco apropiadas) e o do campus universitario da Zapateira", indica o PMUS. O principal obxectivo desta medida que se desenvolverá nun curto prazo é mellorar a rede existente, eliminando as súas descontinuidades, crear unha rede de itinerarios ciclistas no interior do viario, conectar os barrios e conectar a rede co ámbito metropolitano, posibilitando a conexión da cidade cos municipios do Consorcio das Mariñas. Esta actuación permitirá conformar unha rede continua que conecte os principais centros de atracción e xeración de viaxes, así como coa rede actual e coa prevista para o carril bici metropolitano.

- Sinalización de itinerarios ciclistas. Para mellorar a seguridade, a implementación da rede de itinerarios ciclistas completarase cunha adecuada sinalización que permita a súa correcta identificación parte do usuario de bicicleta e do resto de cidadáns.

- Rede de aparcadoiros de bicicletas. O PMUS conclúe que a cobertura da rede de aparcadoiros de bicicleta no municipio é insuficiente. Por este motivo, a proposta baséase na implantación de novos aparcadoiros de bicicletas, nos principais centros de atracción, especialmente equipamentos, pero tamén se formulan outras posibilidades: estacionamento en aparcadoiros subterráneos; e aproveitamento de locais ou baixos libres dos edificios.

- Potenciar Bicicoruña. Cunha media de usos por día de arredor de 440, o servizo de Bicicoruña ten na primavera e verán os meses de maior demanda. A proposta que contempla o PMUS articúlase en dúas actuacións: instalación de novas bases, con especial consideración aos centros de atracción de maior interese; e recolocación das bases que rexistran unha menor demanda (menos de cinco viaxes ao día), salvo que estea previsto un incremento en función ao resto das propostas do Plan de Mobilidade.

- Fomento da intermodalidade bici-transporte público na Universidade. Esta proposta tamén complementa a rede de itinerarios ciclistas urbanos, na que se inclúe a construción dun itinerario ciclista que conecte o núcleo urbano co campus de Elviña. Outras medidas son a dotación de aparcabicicletas nos puntos de transbordo das liñas á Universidade, facilitando os desprazamentos en bicicleta dende o domicilio e o cambio de modalidade de transporte neses puntos; e a realización dunha proba piloto consistente na instalación de portabicicletas nas dotacións de autobús urbano da liña Universitaria.

- Adecuación da ordenanza municipal de circulación. O Plan de Mobilidade Urbana Sostible pretende facer da bicicleta un elemento fundamental da mobilidade da Coruña. Por este motivo é recomendable actualizar a vixente ordenanza, incorporando medidas e normas que promovan o uso deste xeito de transporte e faciliten o uso das vías ciclistas. Entre os aspectos que se incluirán na normativa municipal están a elaboración dun rexistro de bicicletas e recoller medidas que aumenten a seguridade da bicicleta.

- Cursos de uso da bicicleta. A realización destes cursos proponse a través dun formato mixto, no que se combine parte teórica e práctica. Con todo, dependendo do público destinatario, o curso podería realizarse nunha única sesión en ruta na que poder explicar e aplicar os distintos conceptos. A través destes cursos, poñeranse en práctica aspectos do uso e da circulación da bicicleta, como as comprobacións previas, os aspectos asociados á seguridade da circulación, a coexistencia cos peóns e outros modos de transporte, así como a circulación en diferentes tipos de vías, como carrís bici, carrís compartidos ou interseccións rotondas. Trátase dunha proposta que forma parte do eixo sectorial de difusión e promoción de boas prácticas do PMUS e que inclúe o desenvolvemento de cursos para concienciar respecto das vantaxes da bicicleta como modo de transporte sostible; e a eliminación das barreiras que a propia sociedade, por descoñecemento ou temor, impón respecto ao uso da bicicleta como medio de transporte nas cidades, transmitindo que non ten por que ser inseguro; e que ofrece inmellorables vantaxes enerxéticas, ambientais e para a saúde.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión