Benvida do Alcalde

A construción da Coruña sustentouse durante os últimos anos sobre piares fundamentais como son os servizos sociais, a educación e a cultura, cos que se persegue, como principal obxectivo, o benestar dos cidadáns e o desenvolvemento dunha sociedade aberta, tolerante e solidaria, valores polos que se caracteriza a cidade. É por iso que dende sempre o Concello realizou unha forte aposta para ofrecer os mellores servizos de apoio, atención e promoción sen descoidar nin a nenos nin a maiores.

Así, teceuse, ano tras ano, unha rede na que destacan, por encima das infraestruturas, as persoas, o que fixo da Coruña un referente e exemplo que teñen que seguir outras cidades. A universalización dos servizos, sen descoidar a ninguén, permitiu cubrir as demandas de todos os coruñeses, á marxe das competencias administrativas e sen lle poñer freo a unha política na que se buscou, por encima de todo, darlles resposta ás necesidades xurdidas a diario, pero tamén ás futuras e propias dunha sociedade que evoluciona, que medra e que se adapta ás esixencias dos novos tempos.

Co desexo de non coartar as posibilidades dos coruñeses, sobre todo dos máis pequenos, traballouse con intensidade e imaxinación para satisfacer as ilusións dos nenos, porque son eles os cidadáns do mañá, os que definirán o papel da Coruña como cidade e dentro dun escenario mundial que vive en pleno proceso de globalización. Por iso, por ofrecer as mellores oportunidades, as mesmas das que gozan os habitantes de grandes urbes, dende o Concello realizouse un labor incansable que non deixa de dar os seus froitos.

Mostra deste labor é a memoria que agora se presenta e que evidencia os bos resultados obtidos do traballo que entre todos se vén desenvolvendo, sempre coa colaboración inestimable dos mesmos cidadáns que gozan dos servizos que o seu Concello lles oferta dende o punto de vista social, cultural e educativo.

Francisco Vázquez Vázquez.
Alcalde da Coruña.

 
   
 
   Ayuntamiento de La Coruña - Concello de A Coruña - 2004 Aviso Legal