|
A construcción dunha cidade é un traballo
solidario e é o esforzo fundamental das súas xentes
o que permite sen dúbida calibrar o resultado dun traballo
común que debe dar resposta, a través dos seus xestores,
ás principais demandas dos propios cidadáns e a aqueles
aspectos básicos no desenvolvemento harmónico da sociedade,
como poden ser a educación, a sanidade, a seguridade, o benestar
social ou o emprego. Neste senso, o principal logro da Coruña,
dos seus xestores e de toda a súa cidadanía, foi posiblemente
colocar a cidade como punto de referencia de modernidade, ofrecendo
unha boa calidade de vida e un equipamento cultural, social, educativo
e de infraestructuras que non ten comparación con calquera
outra cidade española do seu tamaño e incluso con outras
moitas de maior capacidade económica e de dimensións.
Posiblemente, un dos grandes acertos da cidade foi ser quen de
levar a cabo, de forma unida e solidaria, unha auténtica
revolución social, cunha política que incidiu basicamente
nas persoas, que por riba dos esforzos en infraestructuras, son
as que realmente constrúen as cidades. Neste esforzo foi
fundamental a política educativa e cultural desenvolvida
ata agora, baseada na universalización dos seus servicios,
nun intento de que os nosos nenos, mozos e maiores dispoñan
das mesmas oportunidades que calquera outra persoa de calquera outro
país europeo e desenvolvido. O esforzo ben valeu a pena e
os resultados son os que agora se presentan, aínda que este proceso
educativo e cultural é continuo e non pode ter pausa ningunha,
polo que seguirá sendo fundamental o esforzo colectivo de
todos os coruñeses.
Francisco Vázquez Vázquez.
Alcalde da Coruña.
|