Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

23 de maio de 2014

Medio Ambiente presenta 'San Xoán, espírito sostible', a campaña municipal de concienciación para o 23 e 24 de xuño

Tras o éxito do 2013, consolídanse iniciativas como a repartición de madeira limpa ou o sorteo de viaxes entre a cidadanía que colabora coa limpeza dos areais

O concelleiro de Medio Ambiente, Enrique Salvador, presentou esta mañá San Xoán, espírito sostible, a campaña municipal que ten como principais obxectivos reducir a cantidade de residuos que se xeran a noite do 23 de xuño e dotar os areais das mellores condicións de salubridade e seguridade. Para iso, poñerase en marcha un dispositivo de limpeza e a colocación de aseos portátiles, e accións como a repartición de madeira limpa, a colocación de colectores e un sorteo para incentivar o seu uso.

"Tras a extraordinaria acollida do ano pasado, nesta edición consolídase a experiencia de repartición de madeira limpa. Pasamos dun programa piloto a unha aposta segura que se traduce nun San Xoán cada vez máis sostible. De feito, este ano multiplícase por seis a madeira que se repartirá: 150 toneladas fronte ás 25 que se entregaron o ano pasado; e, ademais de na praia de Riazor, a iniciativa estenderase aos areais de Oza, San Amaro, Matadoiro e Orzán", destacou Enrique Salvador.

Neste sentido, o concelleiro de Medio Ambiente explicou que se pretende reducir os riscos inherentes ao traslado e manipulación da leña, as secuelas negativas que se poden producir pola combustión de materiais impropios dende o punto de vista ambiental, así como os restos depositados no areal. Ademais, a madeira limpa evita restos cortantes na praia e a emisión de elementos contaminantes á atmosfera pola combustión de pinturas ou vernices.

O horario de repartición realizarase a partir das 19.00 horas en 9 puntos dos areais controlados, cada un, por catro monitores ambientais que se encargarán de informar os usuarios.

- Praia de San Amaro. Un punto de repartición con 5 toneladas.

- Praia de Oza. Un punto de repartición con 5 toneladas.

- Praia de Matadoiro. Un punto de repartición na fonte dos Surfistas con 4 toneladas.

- Praia do Orzán. Contará con 68 toneladas que se distribuirán en tres puntos de repartición á altura das rúas Sol, Rúa Alta e Regidor Somoza.

- Praia de Riazor. 68 toneladas que se distribuirán en tres puntos de repartición dentro da praia á altura das rúas Modesta Goicouría, Eduardo Pondal e avenida da Habana.

"Outra das iniciativas enmarcadas no espírito sostible de San Xoán e que pretende que nas praias quede o menor número posible de residuos, é a colocación duns colectores de gran capacidade nos que a cidadanía poderá depositar o lixo xerado", destacou Enrique Salvador, que explicou que se instalarán 10 colectores de 6 metros cúbicos para a recollida de lixo, un 43% máis ca no 2013.

Os 10 colectores colocaranse ao longo das praias de Matadoiro, Orzán e Riazor, situándose na calzada e próximos aos accesos aos areais e aos pasos de peóns. Os colectores serán atendidos por monitores ambientais para que o lixo sexa depositada en bolsas cerradas entre as 00.00 e ata as 04.30 horas.

- Praia de Matadoiro. 1 colector, á altura da glorieta dos Surfistas.

- Praia de Orzán. 5 colectores: 2 á altura da rúa Sol, 2 á altura de Rúa Alta e 1 á altura de Regidor Somoza.

- Praia de Riazor. 4 colectores: á altura das rúas Modesta Goicouría, Eduardo Pondal, avenida da Habana e Manuel Murguía.

Ademais, colocaranse nas proximidades de cada un dos pasos de peóns do paseo marítimo 26 colectores inorgánicos e 13 orgánicos (2 inorgánicos e 1 orgánico por cada paso de peóns), cos que se prevé recoller 5 toneladas de lixo. "En total, estas iniciativas retirarán das praias máis de 20 toneladas de lixo entre a que se recolla nos colectores e a que se deixe de xerar pola utilización de madeira limpa", explicou o concelleiro.

"Coma o ano pasado -continuou-, cando participaron 12.000 persoas e depositáronse 4 toneladas de lixo, queremos involucrar a cidadanía. Para iso puxemos en marcha un concurso para incentivar o uso destes colectores no que se sortearán 30 viaxes", destacou o concelleiro, quen explicou que os monitores ambientais entregarán unha rifa para o sorteo por cada bolsa de lixo que se deposite nos colectores.

Enrique Salvador indicou que os premios consistirán en 15 viaxes para dúas persoas. Así, o primeiro premio obterá un voo con destino a Ámsterdam; o segundo, a Roma; e o terceiro a Bruxelas. O cuarto e quinto premiados obterán, cada un, un voo para dúas persoas con destino a Mallorca; o sexto e sétimo, a Tenerife; e do oitavo ao décimo quinto, a Madrid.

DISPOSITIVO DE LIMPEZA

Ademais das medidas postas en marcha para xerar menor cantidade de lixo, a Concellería de Medio Ambiente tamén poñerá en marcha un dispositivo de limpeza coa participación de case 100 persoas divididas en dous grupos. O dispositivo de limpeza comezará ás 06.00 horas do 24 de xuño, para empezar no momento en que a praia estea desaloxada. Un equipo comezará pola praia de Riazor, dende a zona das Esclavas; e o outro pola praia de Oza.

Respecto da colocación de sanitarios portátiles, este ano, como novidade, instalaranse 12 nos areais (8 na Coiraza -4 a cada lado- e 4 nas proximidades á rúa Sol), ademais dos 34 que se colocarán no paseo marítimo á altura das rúas Eduardo Pondal, Comandante Barja, Modesta Goicouría, Coiraza, Ambulatorio de Sanidade, Rúa Alta, Sol e Curros Enríquez.

"Coas iniciativas de repartición de madeira e colocación de colectores preténdese reducir a cantidade de desperdicios que se depositan nas pratas e facilitar así que poidan estar o máis axiña posible en condicións sanitarias e de seguridade adecuadas para ser utilizadas polos usuarios na mañá seguinte", explicou Salvador, quen concluíu: "Coma o ano pasado, o Concello espera que, desta forma, a celebración se desenvolva nas mellores condicións de seguridade e limpeza, ao mesmo tempo que aposta por un San Xoán máis sostible, en coherencia coas accións que dende Medio Ambiente están a desenvolverse dentro da Estratexia de Loita contra o Cambio Climático. Recuperando o lema deste ano: volve San Xoán, volve a noite máis desexada e máxica, a noite onde A Coruña ilumina ao mundo e, tamén, volve o San Xoán máis sostible".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión