Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

16 de decembro de 2014

Medio Ambiente organiza rutas para coñecer a riqueza natural da contorna da Torre de Hércules

O concelleiro Enrique Salvador presentou a iniciativa, que conta coa colaboración do Grupo Naturalista Hábitat e que consiste nun traxecto circular a pé que percorrerá os carreiros do cabo ata Punta Herminia

O concelleiro de Medio Ambiente, Enrique Salvador, acompañado polo presidente do Grupo Naturalista Hábitat, Santiago Vázquez, presentou esta mañá Roteiros pola torre, unha iniciativa posta en marcha polo Concello en colaboración con esta asociación co obxectivo principal de achegar á cidadanía e visitantes da Coruña os valores naturais da contorna da Torre de Hércules.

"Queremos potenciar unha das zonas da cidade de maior beleza arquitectónica, pero tamén paisaxística. Falamos dun observatorio natural de enorme valor ecolóxico que queremos converter na mellor oportunidade para gozar da natureza, da súa flora e a súa fauna, sen saír da cidade e coñecer a biodiversidade deste espazo coruñés, sumando este atractivo a outros como o paisaxístico ou o cultural", destacou Enrique Salvador.

A actividade consiste nun traxecto circular a pé que arrincará na base da Torre de Hércules e percorrerá os carreiros do cabo ata Punta Herminia. No percorrido, que terá unha duración aproximada de 90 minutos, os guías explicaranlles ás persoas asistentes as especies que se poden observar e os valores naturais da zona, ademais de atender as consultas que as persoas participantes desexen formular. En concreto, realizaranse diferentes paradas estratéxicas, cun total aproximado de 8 programadas, onde se instalarán os instrumentos ópticos para a observación das especies de aves que se sitúan máis lonxe da liña de costa. Ao mesmo tempo iranse observando as diferentes especies de fauna e flora presentes na contorna como anfibios, réptiles, insectos ou plantas.

"A iniciativa arrinca a finais do próximo mes de xaneiro e desenvolverase, unha vez ao mes, durante as fins de semana, en horario de mañá, en grupos reducidos de 15 persoas nos que poderán participar tamén menores acompañados dunha persoa adulta", explicou o concelleiro, quen indicou que a actividade é gratuíta.

Enrique Salvador tamén destacou algúns dos obxectivos da iniciativa:

- Achegar a coruñeses e visitantes os valores naturais presentes na contorna da Torre de Hércules.

- Espertar na poboación un maior interese pola natureza da súa contorna, a partir dunha participación activa e de contacto coa paisaxe.

- Combinar valores naturais e riqueza arquitectónica co fin de maximizar o interese polas actividades dirixidas ao público en xeral.

- Mostrar e divulgar a ampla biodiversidade sobre as especies de flora e fauna presentes na contorna da Torre de Hércules.

As persoas interesadas en participar teñen que inscribirse previamente mandando un correo electrónico a gnhabitat@yahoo.es , indicando o nome, número de participantes, data, horario (xa que haberá dúas quendas) e teléfono de contacto. Poderase consultar toda a información na web do Servizo Municipal de Medio Ambiente (www.coruna.es/medioambiente). Ademais, editaranse 2.000 trípticos informativos.

O concelleiro de Medio Ambiente lembrou o compromiso do Goberno municipal coa contorna da Torre de Hércules, no que xa se realizaron distintas actuacións de acondicionamento como nas sendas peonís, unha vella demanda veciñal e de infinidade de usuarios que, ao longo de todo o ano, practican neste espazo todo tipo de actividades lúdicas e deportivas.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión