Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

22 de maio de 2015

Medio Ambiente colabora nunhas xornadas para achegar as aves ás persoas con discapacidade visual

O Grupo Naturalista Hábitat pon en marcha esta iniciativa que inclúe un taller de identificación de aves por cantos e reclamos, un paseo guiado para o recoñecemento dos paxaros e unha xornada de anelamento científico

O Concello, a través da Área de Medio Ambiente que dirixe Enrique Salvador, informa da realización, durante o próximo mes de xuño, dunhas xornadas para o coñecemento das aves entre as persoas con discapacidade visual.

A actividade, organizada polo Grupo Naturalista Hábitat en colaboración co Concello e a ONCE, ten como obxectivos fundamentais traballar en favor dunha sociedade máis inclusiva, facilitar a integración social de todos os colectivos e achegar a natureza á cidadanía. Tamén se pretende divulgar o patrimonio natural, implicar a toda a sociedade na protección do medio natural a través do estudo das aves e facilitar o seu coñecemento ao colectivo de persoas con discapacidade visual da Coruña.

A iniciativa divídese en tres xornadas: taller de identificación de aves (12 de xuño, de 20.00 a 22.00 horas, na sede da ONCE na Coruña); paseo guiado para o recoñecemento das aves (13 de xuño, de 09.00 a 11.00 horas, no parque de Santa Margarita); e xornada de anelamento científico de aves (20 de xuño, de 08.30 a 11.30 horas, no encoro de Cecebre).

En concreto, a primeira actividade consistirá nunha exposición teórica sobre as especies de aves máis comúns presentes na contorna da Coruña. Así, un experto ornitólogo expoñerá diferentes contidos para que as persoas asistentes poidan coñecer e diferenzas algunhas aves habituais no medio natural abordando aspectos como os cantos e reclamos das aves, as súas adaptacións fisiolóxicas para a emisión de sons ou consellos para a identificación de cantos. Para iso realizaranse diversas audicións e traballarase con elementos como plumas, niños ou reproducións a escala.

Despois da xornada teórica prográmase a realización dun paseo guiado co ornitólogo no parque de Santa Margarita para que as persoas asistentes poidan comprobar de primeira man o aprendido, detectar e analizar os sons das aves. Por último, realízase unha xornada de anelamento científico, unha ferramenta esencial no estudo das aves que permite analizar dinámicas das poboacións, migracións e incuso a biografía das aves. Así, as persoas participantes poderán tomar contacto directo co campo e tocar coas súas mans os diferentes elementos necesarios para o anelamento científico, así como os diferentes exemplares de aves que poidan ser recollidas durante a xornada para familiarizarse coa súa morfoloxía e características.

Esta iniciativa únese a outras desenvolvidas polo Grupo Naturalista Hábitat en colaboración co Concello como as rutas mensuais pola contorna da Torre de Hércules que gozan dun grande éxito de asistentes.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión