Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

5 de xuño de 2014

Conclúen as obras de mellora nos camiños públicos na contorna do Castro de Elviña

A actuación, cun investimento de máis de 56.000 euros, inclúe actuacións de limpeza, mellora e rehabilitación

O concelleiro de Medio Ambiente, Enrique Salvador, e a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitaron as obras de mellora dos camiños públicos na contorna do Castro de Elviña que concluíron hoxe despois de 15 días de traballos.

"Trátase dunha actuación que responde a dúas cuestións fundamentais: a primeira, dar solución a unha demanda dos veciños, dotando os núcleos de poboación do medio rural de maior conectividade entre si e tamén coa área urbana; a segunda, dotar o Castro de Elviña das infraestruturas que merece un dos xacementos arqueolóxicos de maior valor patrimonial de Galicia", destacou Enrique Salvador.

O concelleiro de Medio Ambiente explicou que a actuación consistiu na mellora de catro camiños públicos na contorna do Castro de Elviña, que responde á vontade de mellora das condicións de habitabilidade e de servizos urbanísticos rurais do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello e desenvólvese dentro do Plan Marco de Mellora de Camiños de titularidade municipal financiado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e desenvolvido pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural; unha iniciativa que leva a cabo os labores de conservación preventiva e de mantemento ordinario que adoitan quedar á marxe dos programas de intervención arqueolóxica.

"Os camiños encontrábanse nun estado de conservación moi deteriorado e esta actuación non só lle devolveu o aspecto que se merece un espazo emblemático da cidade senón que, tendo en conta que son os únicos accesos directos que existen para acceder ao Castro, garántense agora unhas condicións de utilización e seguridade adecuadas, respectando a integridade e a calidade da paisaxe rural da contorna arqueolóxica", explicou o concelleiro.

Os catro camiños públicos que se melloraron suman un total de 1.410 metros de lonxitude. A obra, que contan cun orzamento de 56.576,44 euros, dos que 34.000 foron financiados por Agader e o resto polo Concello, incluíu inclúe os seguintes traballos:

- Limpeza e roza das marxes dos catro viarios mediante a combinación de elementos mecánicos e manuais.

- Limpeza das cunetas dos catro viarios, mediante elementos mecánicos e manuais.

- Rasanteo, saneo e regularización cunha capa de zahorra de 20 centímetros de espesor, perfectamente perfilada e compactada.

- Creación dunha nova capa de rodaxe duns 5 centímetros de aglomerado en quente, tanto para o camiño de acceso como para o actual aparcadoiro.

- Colocación de tres tramos de varanda de protección de madeira, nun dos catro camiños.

- Mellora da drenaxe de pluviais no camiño asfaltado de acceso ao Castro e do actual aparcadoiro.

Enrique Salvador lembrou que esta iniciativa enmárcase dentro das actuacións de mellora da contorna do Castro de Elviña que se levan a cabo dende o ano pasado e que incluíron accións como a limpeza e roza de 6 hectáreas do Castro e a posta en valor dalgúns camiños no interior del. Accións que se suman ás realizadas dende a Área de Cultura e que se centraron, durante o 2013, na escavación de tres sectores na ladeira sur do Castro e na documentación arqueolóxica de diferentes áreas do xacemento co obxectivo de crear un recurso cultural de valor.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión