Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

16 de setembro de 2014

Ana Fernández asegura que o Festival Marea Alta consolidará A Coruña como referente cultural e turístico mostrando a súa identidade mariñeira

A tenente de alcalde participa na presentación oficial da iniciativa que se realiza na cidade ata o domingo

A tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, acompañada de Silvia Oviaño e de Merce Carballo, directoras do Festival Marea Alta, e de Laura Rodríguez, responsable de MSC en España, asistiu esta mañá á presentación oficial do devandito evento que se realiza dende hoxe e ata o vindeiro domingo, 21 de setembro, na Coruña.

"Para A Coruña é unha honra acoller este evento único en España que trata de ser un tributo ao mar; un encontro lúdico, educativo, científico e artístico que, dende a arte, a gastronomía ou a concienciación, quere resaltar a relevancia dos océanos no noso día a día", destacou e engadiu: "Xunto coa realización, estes días, do Congreso Internacional do ICES, fai da nosa cidade a capital do mundo mariño, en especial en todo o que ten que ver coa súa defensa e conservación".

A concelleira lembrou que, durante os próximos días, toda a cidadanía e visitantes poderán gozar dunha ampla oferta de exposicións, talleres, degustacións, encontros con artistas e científicos, debates ou proxeccións; actividades que contan coa total implicación do Concello e da cidade: "O Aquarium Finisterrae, a Domus, a sala de exposicións do Palexco, o Kiosco Alfonso, os Xardíns de Méndez Núñez, a Lonxa e os mercados municipais son as distintas sedes deste festival, lugares referentes en cultura, difusión científica ou que teñen unha forte vinculación co mar".

Neste sentido, subliñou o especial protagonismo dos Museos Científicos da cidade, que serán as sedes onde se desenvolverán a proxeccións do Festival Marea Alta, así como as charlas e debates: "Actividades concibidas para ampliar os coñecementos das persoas asistentes e para convidalas á reflexión", asegurou. En concreto, trátase das seguintes actividades:

Proxeccións

- 17/09 (DOMUS) Presentación e proxección da serie documental "Obxectivo: salvar os océanos", de National Geographic.

- 18/09 (DOMUS) "Os tiburóns das illas Pitcairn", de Enric Salga, explorador de National Geographic.

- 20/09 (DOMUS) Así se rodou: "Mar dun bosque encantado", presentación e proxección do documental de Jorge Candán, gañador do Festival Internacional de Cine Submarino de San Sebastián.

Charlas e debates

- 17/09 (DOMUS) Sinerxías e alianzas para preservar o mar. Charla 360º na que representantes de institucións que traballan no mar buscarán puntos de encontro.

- 18/09 (DOMUS) Encontro científico IEO: Pasado e presente dos océanos. Unha panorámica didáctica e apaixonante sobre o pasado e o presente dos océanos.

- 19/09 (Aquarium Finisterrae). Café con Mr. Goodfish: revelacións mareantes na mesa dun bar.

A concelleira, que lembrou que o Festival Marea Alta conta coa implicación das concellerías de Cultura, Medio Ambiente, Turismo e Emprego e Empresa, sinalou que a súa realización axudará a situar a cidade: "Consolidaremos A Coruña como destino cultural e turístico, mostrando a súa identidade mariñeira dende distintos enfoques".

"Deseñouse un amplo programa educativo que levará os centros escolares e as familias a coñecer en profundidade os nosos océanos e concienciaraos da necesidade dunha educación ambiental, para cambiar as cousas e para preservalos para as xeracións vindeiras", afirmou.

Ana Fernández finalizou animando a toda a cidadanía a participar no Festival Marea Alta xa que, tal e como explicou, trátase dunha iniciativa aberta a todos os veciños e adecuada para todas as idades: "Un dos mellores exemplos son os talleres de reciclaxe en familia que, precisamente, realizaremos cos artistas de Skeleton Sea. Neles mostrarannos a importancia de manter limpos os nosos mares e como darlles utilidade aos residuos atopados nas praias. Sen dúbida, unha oportunidade única para aprender e divertirnos en familia", concluíu.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión