Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

15 de novembro de 2023

O Concello participa nun proxecto europeo que fomenta a participación da cidadanía no desenvolvemento de políticas verdes

URBACT COPE focalizará a súa acción no barrio da Sagrada Familia, onde participarán entidades sociais, empresariais e sociedade civil

O Concello da Coruña, a través da súa Concellaría de Medio Ambiente, participa nun programa europeo que ten como fin o desenvolvemento de políticas verdes que impliquen á cidadanía e aos distintos axentes sociais. A iniciativa desenvolverase na Sagrada Familia.

Deste xeito, A Coruña pasa a formar parte da rede URBACT COPE (Acción Climática Coherente e Baseada no Territorio) con diversas cidades europeas, entre as que se atopan Copenhague (Dinamarca), como socio líder, San Quentin (Francia), Kavala e Korydallos (Grecia), Bistrita (Romanía), Vilnius (Lituania), Pombal (Portugal) e o Consello Danés de Tecnoloxía. Esta semana unha delegación do equipo URBACT COPE da Coruña desprazouse a Korydallos, en Grecia, para participar nun dos encontros internacionais que a rede organiza en cada unha das cidades membro.

Coa participación da nosa cidade neste proxecto o Goberno de Inés Rey pretende activar e potenciar a participación da cidadanía no desenvolvemento das políticas verdes a través dun enfoque baseado no territorio, recoñecendo o papel que poden xogar os grupos de acción local como pezas fundamentais na consecución do obxectivo dunha transición ecolóxica xusta nas cidades. Así, ao involucrar a aqueles sectores de poboación que tradicionalmente quedaron á marxe da acción climática, a rede COPE aumentará o alcance e o impacto das políticas municipais neste ámbito, abordando os desafíos relacionados coa enerxía, a mobilidade, a economía circular, a naturalización das cidades e outros aspectos clave da sustentabilidade urbana, para avanzar cara á neutralidade de carbono en Europa para o ano 2050.

Este proxecto europeo materialízase na Coruña a través dun paquete de actuacións piloto que URBACT COPE focalizará no barrio da Sagrada Familia, onde se pretende involucrar á veciñanza a través do denominado GRUPO LOCAL URBACT (ULG), que será o órgano encargado de deseñar e implantar un Plan de Acción Integrado, cara unha acción climática coherente no seu barrio. O ULG estará formado por representantes de diferentes sectores e actores locais, ademais da propia administración local, como entidades sociais, empresariado, universidade, medios de comunicación e sociedade civil.

O orzamento total da rede para todas as cidades é de 850.000 €, dos cales a UE, a través dos fondos FEDER, financia o 70%, uns 598.786 €, correspondéndolle 83.890,7€ á nosa cidade.

O proxecto desenvolverase ata o ano 2025, momento no que se dispoñerá do Plan de Acción Integrado para o barrio. Grazas á participación na Rede URBACT COPE, as accións que resulten sitúanse nunha posición moi vantaxosa para a obtención de financiamento europeo para a súa execución.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión