Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

16 de xaneiro de 2024

A iniciativa, promovida polo Concello, facilítalle ao tecido hostaleiro a recollida e segregación do refugallo, e reduce a súa achega aos contedores situados na vía pública

O programa de recollida de residuos ‘Porta a porta’ estenderase desde febreiro a máis rúas da zona centro, tras a boa experiencia do reforzo no Nadal

Entre mediados de decembro e xaneiro, nos 30 establecementos das rúas Olmos e Galera adheridos á campaña recolléronse 4,72 toneladas de lixo orgánico e 2,6 toneladas de fracción inorgánica

A concelleira de Medio Ambiente, Noemí Díaz, valorou este martes a campaña de Nadal do programa de recollida de residuos 'Porta a porta', unha iniciativa que o Goberno de Inés Rey executa en colaboración co tecido hostaleiro da cidade co obxectivo de lles dar facilidades ás e aos profesionais do sector para desbotar o lixo procedente dos comercios e establecementos hostaleiros e, á vez, reducir a súa achega aos contedores situados na vía pública.

O 'Porta a porta' funciona durante todo o ano, mais o Concello establece dispositivos específicos en tempadas como o Nadal ou os meses de verán. Así se fixo, por exemplo, entre mediados de decembro e mediados de xaneiro, cun reforzo de carácter estacional nas rúas Olmos e Galera, que contan cunha maior densidade de establecementos na Zona Centro de Máxima Concentración Hostaleira (ZCMCH). Neste sentido, o 11 de decembro comezou a entrega dos contedores nominais aos 30 locais adheridos á campaña e, xa esa mesma xornada, o Concello activou o plan especial de recollida pactado coa Asociación de Hostalería.

A Concellaría de Medio Ambiente indicou que durante a campaña de reforzo no Nadal houbo unha contribución de 4,72 toneladas respecto á fracción orgánica (contedor verde) e de 2,6 toneladas respecto á fracción inorgánica (contedor amarelo). Noemí Díaz valorou estas cifras de recollida lembrando que "o 'Porta a porta' non só optimiza a recuperación da fracción orgánica destinada á biodixestión e a fracción inorgánica para a reciclaxe en Nostián, senón que tamén contribúe a manter as rúas limpas e libres de contedores visibles".

A concelleira de Medio Ambiente explicou hoxe que, en paralelo ao 'Porta a porta', "o resto da recollida na Zona Centro de Máxima Concentración Hostaleira (ZCMCH), tanto no referente aos contedores de vía pública como os soterrados, prosegue como sempre, cos reforzos necesarios".

Desde febreiro, o 'Porta a porta' ampliarase a máis rúas da zona centro

Cómpre lembrar que o obxectivo principal do 'Porta a porta' é abarcar toda a zona centro, espazo caracterizado pola súa alta densidade de establecementos hostaleiros e ocio para a cidadanía. Por iso, Noemí Díaz avanzou esta mañá que, cos ensaios deste mes optimizados, e tendo en conta que "os bos datos de recollida durante o Nadal xustifican a estensión do programa a outras vías, nos sucesivos meses, previsiblemente en febreiro, se procederá a ampliar a recollida 'Porta a Porta' a outras rúas da zona centro, máis alá das rúas nas que se focalizou o reforzo previsto durante o Nadal".

Díaz apuntou que a incorporación progresiva de novas zonas nos vindeiros meses "augura boas expectativas, fortalecendo o impacto positivo na xestión e recuperación de residuos xerados polo sector hostaleiro minimizando as molestias. Con horarios específicos de recollida, recursos dedicados exclusivamente a este servizo e reforzos estacionais, este programa supón un avance significativo que beneficia non só os establecementos participantes, senón a toda a cidade", expuxo.

Como funciona o programa 'Porta a porta'?

A diferenza dos sistemas tradicionais, nos que as persoas depositan os seus residuos en contedores comúns en espazos públicos, o programa 'Porta a porta' fundaméntase en que é o servizo municipal quen acode á porta de cada local adherido á campaña, para recoller o contedor ou contedores que, previamente, e de forma gratuíta, lle son entregados a cada local de hostalería, debidamente rotulado co nome do establecemento.

A recollida que se establece no programa 'Porta a Porta' realízase mediante contedores de peche con chave, nominais, entregados en man a cada local adherido a este plan. Os ditos contedores, coa fracción ben segregada por parte do persoal de hostalería, son colocados fronte á porta de cada establecemento para o seu baleirado por parte do persoal de recollida, que o fai ao paso e nos horarios previamente establecidos.

Os horarios da recollida

A recollida de residuos na Zona Centro de Máxima Concentración Hostaleira (ZCMCH) a través do 'Porta a porta' ten os seguintes horarios.

No referente ás fraccións orgánicas e inorgánicas:

  • Horario de tarde (17.00 a 20.30): durante o Nadal e o verán (15 de xuño a 15 de setembro), diariamente; o resto do ano, de xoves a domingo.
  • Horario de noite (05.00 a 08.00): todo o ano, diariamente.

No referente ao vidro:

  • Horario de mañá (10.00 a 13.00): todo o ano, os luns, mércores, venres e domingo.

No referente ao papel e o cartón:

  • Horario de mañá (10.00 a 13.00): todo o ano, os martes, xoves e sábado.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión