Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

14 de febreiro de 2017

O Goberno local renovará os paneis informativos dos areais coruñeses para a próxima tempada de baño

A edil María García destaca o compromiso “coa educación ambiental e o benestar da veciñanza” do executivo municipal coa instalación de 53 novos carteis, “que incluirán cuestións en relación ao coidado da contorna, á seguridade cidadá e aos equipamentos públicos”

O Goberno local avanza no seu compromiso co fomento do desenvolvemento sostible e a educación ambiental, así como da visibilización de recomendacións de uso dos areais e de seguridade cidadá, ao anunciar a renovación dos carteis informativos do programa Bandeira Azul e de sinalización de interese público que se sitúan nas praias da Coruña. A área de Medio Ambiente, que dirixe a edil María García, vén de pechar o prazo de presentación de propostas para o deseño e instalación de 53 novos paneis que se establecerán, antes do inicio da tempada de baño, nos areais e os seus accesos de Adormideras, As Lapas, Matadoiro, Orzán, Oza, Riazor, San Amaro e San Roque. A concelleira asevera que esta medida ten como obxectivo "promover unha maior información sobre os espazos naturais e especies protexidas do litoral coruñés, para impulsar un desenvolvemento sostible do mesmo", así como ofrecer información "dun xeito sinxelo e intelixible" sobre "seguridade cidadá" e un "código de conduta sobre os comportamentos nos areais", para que "poidan ser comprendidas con facilidade" por todas as persoas usuarias."Os paneis facilitarán á cidadanía información práctica e útil que lles permita descubrir aspectos do patrimonio natural da Coruña e os seus espazos sensibles da contorna litoral, así como da calidade das augas de baño e o uso sostible da praia", explica García, quen asevera que esta iniciativa, que incluirá as recomendacións da Guía de interpretación dos criterios de Bandeira Azul, "responde ao fondo compromiso do Goberno local coa educación ambiental, "unha ferramenta fundamental para fomentar a sensibilización e a co-responsabilidade da cidadanía co patrimonio común".  

Para esta actuación, cuxo prazo de execución do servizo será de dous meses, a área de Medio Ambiente destinará un orzamento de 10.000 euros, IVE incluído. Os traballos  a desenvolver, tal e como indica o prego técnico, será o deseño gráfico dos paneis, a confección e a instalación destes, previa revisión dos soportes, así como a retirada dos antigos carteis. Os novos paneis e a súa montaxe deberán ofrecer unha garantía mínima xeral de cinco anos. No caso que neste prazo de tempo se acreditase a existencia de defectos nos bens ou na súa colocación, o Concello terá dereito a reclamar a súa reposición ou reparación, se fose suficiente. Se esta rehabilitación non é dabondo para o seu fin, o executivo local poderá rexeitar os paneis e terá dereito á recuperación do prezo satisfeito. A renovación da sinalización informativa nos areais coruñeses súmase así a outras actuacións postas en marcha pola Concellería de Medio Ambiente de cara a próxima tempada de verán, que buscan principalmente favorecer a adaptación e accesibilidade das praias de Orzán e Oza, ademais de substituír os mastros das bandeiras de Orzán e Riazor.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión