Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

18 de febreiro de 2017

O Concello obtén a colaboración da Axencia de Ecoloxía Urbana do Eixo Atlántico para desenvolver un proxecto para a mellora da sustentabilidade das festas da cidade

O traballo seleccionado vai dirixido a analizar o impacto dos eventos lúdicos en materia de xeración de residuos, gasto enerxético ou ruído, de cara a elaborar un manual de xestión deste tipo de celebracións que permita reducir o seu impacto ambiental

A Concellería de Medio Ambiente vén de recibir a confirmación por parte do Eixo Atlántico de que a Axencia de Ecoloxía Urbana deste ente colaborará no desenvolvemento dun proxecto municipal sobre festas sostibles. En concreto, trátase do Plan de Implementación e Monitoreo da  Sustentabilidade de Eventos, un traballo que, como sinala a responsable municipal desta área, María García, vai na liña iniciada xa no 2015 pola concellería para mellorar a sostibilidade dos eventos festivos, e que se iniciou coa diagnose dos principais impactos das festas de María Pita dese ano 2015 e a súa afección en áreas como a xeración de residuos, o ruído, a afección de zonas verdes ou o consumo enerxético. Tal como fai notar a concelleira, a colaboración co Eixo Atlántico mantívose o ano pasado, cunha proposta de actuación en materias como enerxía ou contaminación acústica, que agora avanza nesta nova fase, "onde se poñerá maior énfase na xestión de residuos".  

O proxecto que vén de ser elixido para o seu desenvolvemento ten por obxecto servir de guía para a implantación dos procesos necesarios que permitan mellorar a xestión sostible dos eventos festivos e diminuír o seu impacto. "Falamos de procurar que as festas sexan sustentables, por canto son acontecementos que supoñen unha grande concentración tanto de persoas, como de recursos, e que producen unha afección importante da convivencia a nivel local, pola alta cantidade de recursos enerxéticos que precisan, a xeración de residuos que producen e a necesidade de traballos de limpeza que requiren", indica a concelleira. Neste sentido, salienta que se trata, por estes motivos, "de eventos especialmente interesantes para monitorear e excepcionales para divulgar prácticas máis sostibles e sensibilizar á veciñanza, implicándoa no coidado da cidade, algo que axudará de maneira decisiva a mellorar a xestión dos recursos e dos servizos municipais e, sobre todo, a reducir o seu impacto sobre a cidade".

O proxecto avalado pola Axencia de Ecoloxía Urbana do Eixo Atlántico selecciona nove eventos lúdicos de distinta tipoloxía para realizar a análise, como son a Batalla Naval, o Maratón C42, a festa de San Xoán, a Feira das Marabillas, o Festival Noroeste e o Mercado da Colleita, un concerto na praza de María Pita, as festas do barrio do Castrillón e a Romaría de Santa Margarita, que servirán para facer unha diagnose detallada, ampliable a actos das mesmas características. Na súa primeira fase, o estudo vai dirixido a traballar na prevención e reutilización de residuos, mellora da xestión, reciclaxe e limpeza viaria, se ben a proposta ten como finalidade ir máis alá, para deseñar estratexias e medidas concretas que implantar en cada unha destas modalidades lúdicas, que quedarán recollidas nun manual de xestión para eventos sostibles.

Tal e como adianta a responsable municipal de Medio Ambiente, xa durante este ano se realizará, de forma piloto, esa revisión e diagnose dos eventos seleccionados, a través dunha serie de indicadores que derivarán na redacción dese manual, que servirá para estender estas prácticas ao conxunto de celebracións festivas, "avanzando e sistematizando prácticas que xa comezamos a implantar en festas pasadas, como son a utilización do ecovaso, a recollida selectiva de lixo en eventos de grande impacto ou o traballo coas asociacións veciñais e a propia veciñanza dos barrios durante as súas festas". Como apunta, trátase pois de accións que se unen ao de traballo de comunicación e sensibilización da cidadanía que impulsa a concellería "como parte indispensable para unha maior co-responsabilidade  nesta materia".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión