19 de febrero de 2024
Tras Os Rosales, o Goberno de Inés Rey traballará na limpeza en profundidade das rúas de Labañou, o polígono de Náutica e Riazor. O plan, de carácter mensual, avanzará a continuación cara a Agra do Orzán
O Concello intensificará estes días o uso de hidrolimpiadoras, así como as tarefas de baldeo de alta presión e varrido mecánico. Os traballos comezaron no sector norte da rúa Emilio González López
O Concello da Coruña puxo en marcha este luns o plan especial de limpeza intensiva 'Barrio a barrio', unha medida complementaria e adicional ao servizo habitual de limpeza viaria, coa que o Goberno de Inés Rey busca intensificar a prestación destas tarefas nas rúas e espazos públicos da cidade.
O 'Barrio a barrio', tal e como precisa a súa denominación, é unha iniciativa coa que o Concello irá incidindo na limpeza en profundidade dos barrios cun formato rotativo de carácter mensual, que irá chegando de forma progresiva a todos os distritos da cidade, coa intensificación no uso de hidrolimpiadoras, baldeo de alta presión e, a maiores, a ampliación do servizo de varrido mecánico.
Neste sentido, o plan de traballo comezou este luns no barrio dos Rosales. Concretamente, na área con maior cota de zona: o sector norte da rúa Emilio González López, que circunvala a praza Elíptica. A previsión da Área de Medio Ambiente de cara a esta primeira xornada é a de actuar sobre máis de 2.400 metros lineais nas beirarrúas, escaleiras e contorna dos pasos peonís.
Xa na segunda xornada, os operarios pasarán a traballar nos accesos ao parque infantil da praza Elíptica e a rúa Alcalde Suárez Ferrín. E, a continuación, no terceiro día do plan de traballo, incidirase na limpeza intensiva no sector sur de Emilio González López, para avanzar posteriormente cara á rúa Manuel Azaña.
Tras Os Rosales, o 'Barrio a barrio' chegará a Labañou e a súa contorna
A concelleira de Medio Ambiente, Noemí Díaz, recalcou hoxe que "os traballos iranse executando ampliando o radio de acción de forma progresiva cara aos barrios lindeiros". "O obxectivo" -destacou- "é que esta medida teña unha continuidade no tempo e tamén unha folla de ruta precisa á hora de facilitar o desenvolvemento dos traballos, polo que se apostou por un formato no que o plan pase dun barrio a outro lindeiro".
Por iso, tras as xornadas planificadas nos Rosales, o 'Barrio a barrio' pasará a activarse de forma progresiva entre Labañou, o polígono de Náutica e a contorna de Riazor: desde as rúas interiores existentes entre Gerardo Porto, Manuel Azaña e a rolda de Outeiro, pasando a Manuel Murguía e o paseo de Rolda, as rúas de San Roque, a avenida Gran Canaria e as rúas perpendiculares á mesma, e tamén a avenida de Labañou e a súa contorna.
Traballarase de luns a venres, coa previsión de que a intervención remate a mediados de marzo. Xa a continuación, o 'Barrio a barrio' avanzará, de forma paulatina, cara os barrios da Agra do Orzán, O Ventorrillo e a Sagrada Familia, enclaves nos que tamén se executarán medidas de limpeza intensiva dos espazos públicos con plans de traballo mensuais.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible