Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

3 de marzo de 2017

A Concellería de Medio Ambiente pon en marcha o programa educativo 'Composta Coruña', que impulsa 50 experiencias de compostaxe doméstica

A edil María García salienta os beneficios deste método para valorizar os residuos orgánicos, “que representan un 50% do lixo que se produce de forma habitual nun fogar” e que é "especiamente axeitado para ámbitos periurbanos, con vivendas que dispoñan de pequenas parcelas verdes", como é o caso de Eirís, Pedralonga ou Elviña

A concelleira de Medio Ambiente, María García, presentou este venres 'Composta Coruña', un programa educativo sobre compostaxe doméstica -inscrito dentro da campaña municipal de sensibilización sobre a xestión dos residuos #noseusitio- que o Concello vén de poñer en marcha en colaboración coa asociación Amigos da Terra para dar a coñecer entre a veciñanza o procedemento da compostaxe, e que ofrece posibilidade de crear 50 composteiros nos xardíns ou hortas doutras tantas vivendas unifamiliares para xestionar os residuos orgánicos e transformalos en fertilizante natural. O obxectivo, segundo avanzou, pasa por que as persoas participantes poidan tratar in situ toda a materia orgánica que se xera nunha vivenda de maneira habitual, o que representa "unha parte moi importante dos residuos que se producen no fogar, que alcanza o 50%". "A metade dos residuos que se producen nas casas son materia orgánica que se pode tratar nas propias vivendas, sempre que teñan parcela ou xardín, onde tamén poder usar o abono posteriormente", salientou, recordando que "xestionar os residuos desta maneira é o mellor uso que lle podemos dar a esa parte do lixo". Do  mesmo xeito, a responsable municipal puxo de relevo o beneficio de que o lixo "circule a menor cantidade de quilómetros e se trate o máis preto posible do lugar de xeración, xa que o groso do que se inviste en tratamento de residuos corresponde á recollida, e o seu transporte é ademais unha fonte relevante de gases de efecto invernadoiro". "A compostaxe caseira supón transformar algo que en principio non ten uso, como é o lixo, nun recurso utilizable e valioso, de forma que os restos da cociña se transforman en abono orgánico que se pode empregar nas propias parcelas ou hortas", sinalou García, quen recordou tamén o mandato da Unión Europea a todos os Estados membros "para que incrementen de forma importante a porcentaxe de residuos que se reciclan e valorizan, con especial fincapé na materia orgánica". "Isto ratifica que A Coruña, hai moitos anos que escolleu o camiño axeitado coa separación e compostaxe da materia orgánica", destacou, chamando á cidadanía a "seguir avanzando" nesta liña e continuar mellorando a separación da materia orgánica e inorgánica na propia casa.

A través da iniciativa de 'Composta Coruña', o Concello repartirá 50 composteiros en réxime de cesión ás familias participantes, para colocar na horta, xardín ou terreo, dentro dun programa no que se lles facilitará formación sobre como elaborar o compost a partir dos residuos orgánicos domésticos e no que recibirán, ao longo dos seguintes seis meses, tres visitas de seguimento e información en distintas épocas do ano para, pasados dous anos, volver a comprobarse o uso que ten o composteiro. Como explicou a concelleira, nesta primeira experiencia, pioneira na Coruña, darase prioridade ás persoas interesadas dos barrios de Eirís, Pedralonga e Elviña, aínda que a convocatoria está aberta para toda a cidade, a través dos teléfonos 981 184 315 ou 671 865 839 ou do correo compostacoruna@coruna.es. Os criterios de selección, que se poden consultar -como o resto da información relacionada co programa e a guía de compostaxe doméstica- na web da concellería (www.coruna.es/medioambiente) e igualmente páxina da campaña #noseusitio (http://noseusitio.coruna.gal/), priorizan ás persoas aspirantes destas tres zonas da cidade, "dadas as súas características", se ben o obxectivo do Concello é "seguir abordando proxectos de compostaxe, porque é incomprensible que ata agora non se fixera na Coruña",  e ir estendendo paulatinamente esta experiencia por outros barrios. Tal e como fixo notar a responsable de Medio Ambiente, a compostaxe é unha fórmula para valorizar materia orgánica "especiamente acaída para ámbitos periurbanos, con vivendas que dispoñan de pequenas parcelas verdes", mentres que noutros barrios máis densos apostarase por outros procedementos. "Hai que planificar a xestión dos residuos pensando nos hábitos das familias e as características urbanísticas", indicou.

Na presentación do programa, que desde hoxe abre o prazo de inscrición para as persoas interesadas en formar parte, tamén estivo presente o presidente de Amigos da Terra, Víctor Barro, quen puxo en valor a educación ambiental como mecanismo para "cambiar a cultura sobre a xestión dos residuos orgánicos e mellorar os hábitos de forma permanente entre a cidadanía".  "A compostaxe é a ferramenta pola que apostamos para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro e a dependencia a combustibles fósiles, e para solucionar os problemas de xestión dos residuos sólidos urbanos", indicou, resaltando a oportunidade que supón para "poñer a xestión en mans da xente a posibilidade de xestionar localmente a metade dos residuos que produce".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión