Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

25 de novembro de 2016

O Goberno local manifesta o seu compromiso "a prol da erradicación da violencia contra as mulleres" na cidade co impulso ao 'Pacto Social por unha cidade libre de violencias machistas'

A edil de Igualdade, Rocío Fraga, destaca a implicación da cidadanía na campaña ‘A Coruña en negro’, “e dos axentes que non son apelados habitualmente, como o comercio de proximidade ou entidades deportivas, e que apoiaron esta iniciativa de sensibilización”

 Praza de María Pita foi o escenario na mañá deste venres, 25 de novembro, Día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres, dunha concentración convocada polo Goberno local e aberta a membros da Corporación, traballadoras e traballadores municipais e veciñanza para mostrar, de forma colectiva, a repulsa ás violencias machistas, no marco da campaña institucional A Coruña en negro contra as violencias machistas. A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, deu lectura ao manifesto elaborado polo Goberno local, no que o executivo coruñés se comprometeu "a buscar unha resposta máis eficaz ante as situacións de urxencia e emerxencia social que provoca a incidencia da violencia de xénero" e a seguir traballando para "construír colectivamente unha convivencia sen violencias na Coruña", a través do impulso ao Pacto Social por unha cidade libre de violencias machistas, "unha medida que permanecerá neste Concello, independentemente do seu executivo", engadiu a edil. "O Pacto é un proxecto no que toda a cidadanía está chamada a formar parte activa, que debe definir e identificar o que son as violencias machistas na Coruña, así como propoñer medidas tanto para a administración, como para a veciñanza, para traballar pola erradicación da violencia contra as mulleres", afirmou Fraga.

A través dun proceso participativo --cuxa primeira fase se desenvolverá até o mes de maio--, o Pacto permitirá recoller "impresións, e aprender, xuntos e xuntas, a identificar a incidencia de formas de violencia provocadas pola persistencia da cultura machista na cidade", explicou titular de Igualdade. "Parece que a violencia de xénero só é parellas e ex-parellas, pero é un concepto máis amplio que debemos trasladar á cidadanía, para que entre todas definamos o un novo marco que as administracións debemos asumir como propio", subliñou a concelleira. A este respecto, o executivo coruñés instou ao Goberno local e autonómico, por medio do manifesto, "a promover a aplicación efectiva do marco normativo existente" así como "ampliar a cobertura lexislativa actual, reforzando a dotación orzamentaria necesaria para o seu cumprimento".  

Ao remate da concentración, Fraga tamén saudou "a xenerosa resposta e implicación da cidadanía coruñesa, así como do cadro de persoal dos distintos servizos municipais" en relación á campaña A Coruña en negro contra as violencias machistas, unha iniciativa conxunta de 17 concellos de Galicia "que trata de implicar aos axentes sociais que, habitualmente, non són os apelados directamente, como o comercio de proximidade, ou entidades deportivas, e que asumiron, co seu apoio, a parte de responsabilidade social que temos todas e todos", á vez que avanzou que o Goberno local "continuará traballando e reforzando os programas de prevención, educación e detección precoz das violencias, como vén facendo desde o primeiro momento, xa que a situación de emerxencia social que xera esta violencia é unha das prioridades na acción de goberno".  "É importante celebrar esta efeméride para visualizar esta realidade, pero este Concello ten claro que é fundamental seguir traballando no día a día e traballar arreo coas entidades sociais e veciñanza pola erradicación das violencias machistas", dixo a responsable municipal.
 

Documentos:

Manifesto 25 de novembro (PDF) (116 KB)

Actualidade

Máis información

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión