Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

23 de marzo de 2024

Máis de 1.500 persoas participaron na XII Carreira Popular Torre de Hércules, co faro iluminado de cor morada en conmemoración polo Día da Muller

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, entregou os premios a Víctor Puyuelo e Irati Lorza, vencedores dunha proba que abriu a nova edición do circuíto Coruña Corre

A undécima edición do circuíto de carreiras populares Coruña Corre deu hoxe o pistoletazo de saída coa celebración da XII Carreira Popular Torre de Hércules, unha proba na que participaron máis de 1.500 persoas -contabilizando a proba absoluta e categorías inferiores- e que serviu, ademais, para conmemorar o 15º aniversario do faro como Patrimonio da Humanidade da UNESCO.

A xornada arrincou ás 17.00 horas coas carreiras en categorías inferiores. As crianzas, distribuídas en seis quendas diferenciadas en función da súa idade, tomaron parte en percorridos de 150 a 800 metros, con saída desde o paseo dos Menhires.

Foi a antesala da disputa da proba absoluta, que comezou ás 20.00 horas, tamén desde o paseo dos Menhires. As e os atletas inscritos percorreron 6.350 metros ao longo do sector leste do Paseo Marítimo -recentemente reurbanizado polo Goberno de Inés Rey- ata a contorna do Centro Oceanográfico da Coruña, nas Ánimas. Xa neste punto, as e os deportistas enfilaron o traxecto de volta cara ao pé da Torre de Hércules.

Xa ás 21.15 horas, na contorna do frontón da Cidade Deportiva da Torre 'Arsenio Iglesias', tivo lugar o acto de entrega de premios ás e aos atletas gañadores. Víctor Puyuelo e Irati Lorza, cun tempo de 00:20:03 e 00:24:40, respectivamente, obtiveron os mellores tempos nas categorías masculina e feminina. O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, foi o encargado de homenaxear aos ocupantes do podio.

Vázquez animou á cidadanía a participar nas vindeiras probas do circuíto Coruña Corre, que continuará en abril coa Volta a Oza. "Nesta edición da carreira popular da Torre superamos o número de persoas inscritas con respecto á pasada edición, e confiamos en que esta dinámica terá continuidade nas próximas probas", destacou.

Cómpre lembrar, ademais, que ao abeiro da programación de actividades polo 8-M, Día Internacional da Muller, tamén se celebrou unha andaina solidaria, na que se inscribiron máis de 300 persoas. Durante a andaina, a Torre de Hércules iluminouse de cor morada ao paso das persoas participantes.

O prazo de inscrición na Volta de Oza, xa aberto

O pasado luns abriuse a inscrición para a segunda proba do circuíto, a Volta a Oza, de cara a súa edición número 11 o domingo 7 de abril. O período de inscrición pecharase, como é habitual, unha semana antes, o domingo 31 de marzo ás 23.59 horas. As persoas interesadas poden consultar toda a información e formalizar a súa inscrición na páxina web www.corunacorre.com.

A proba absoluta terá a súa saída e meta no parque de San Diego e transcorrerá pola avenida do Exército e da Pasaxe ata a avenida da Concordia, chegando ata a rúa Monte das Moas e atravesando o parque de Eirís. Despois, pasará pola praza de Pablo Iglesias pola avenida Casanova de Eirís, baixando pola rúa Antonio Ríos ata o parque de Oza, regresando a San Diego pola rolda de Outeiro.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión