O aire que nos rodea
A atmosfera, extraordinariamente complexa, é imprescindible para a vida
na Terra. O ser humano, coas súas actividades, altera e modifica o ritmo
da atmosfera ata o punto de que, en moitos dos casos, a consecuencia é
unha elevada contaminación, e isto ten unha gran repercusión nos
seres vivos.
Pero cando falamos de “contaminación atmosférica”,
que significa?. O primeiro no que todos pensamos é na “contaminación
do aire”, é dicir, cambios na composición
química da atmosfera debidos á existencia de gases e de compostos
nocivos para a nosa saúde, aparición de chuvia aceda, destrución
da capa de ozono, efecto invernadoiro, etc. Pero tamén o ruído
é un dos axentes contaminantes máis importantes, tamén
existe unha “contaminación acústica”.
A maioría da poboación considera que o factor máis importante
para gozar dunha axeitada calidade de vida na cidade e dun medio ambiente saudable
é que o aire que respiramos estea en óptimas condicións.
Para conseguir niveis “aceptables” de contaminación
temos que levar a cabo unha rigorosa vixilancia da polución do aire e
un control da contaminación acústica. Pero o máis importante
é previr, é dicir, desenvolver as nosas actividades cotiás
sen contaminar, e vivir de maneira responsable nun medio que, en definitiva,
é de todos.
|