Plan de xestión de residuos e o papel fundamental que nel xoga a cidadanía
O 100%
dos fogares coruñeses recibiron puntual información acerca do Plan
de Residuos e da inauguración do Parque
de Bens.
A Coruña,
cidade sostible: 15 paneis que explican o Plan de Xestión de
Residuos da Coruña e o proceso do selado e da recuperación ecolóxica
do antigo vertedoiro de Bens e dos seus arredores.
As pilas:
4 paneis que presentan a problemática da utilización das pilas
e da súa xestión como residuo, e informan o cidadán da
situación das empresas e entidades coruñesas que colaboran co
Concello na recollida de pilas usadas.
Nas últimas décadas, paralelamente ao aumento do nivel
de vida, á prosperidade económica e ao progresivo distanciamento
do contorno medioambiental, os hábitos de consumo da maioría da
poboación evolucionaron cara á ignorancia da súa repercusión
sobre ese contorno. Isto desencadeou gravísimos problemas ambientais.
Un dos maiores retos actuais é atopar unha solución á acumulación
e eliminación dos residuos resultantes do principio de "usar
e tirar", imperante hoxe en día.
O tratamento dos residuos urbanos (RSU) é competencia
directa das administracións locais, que teñen que buscar
alternativas á saturación dos vertedoiros, aos problemas de saúde
pública que estes ocasionan, ou á mala imaxe que causan entre
a poboación. O Concello da Coruña foi aínda máis
lonxe: elixiu o sistema de tratamento e eliminación máis
responsable de cantos actualmente se coñecen. Xa non se trata
só de solucionar un grave problema. O esforzo vai ademais dirixido a
fomentar entre a cidadanía unha nova cultura ambientalmente responsable,
a única posible ante os actuais retos ecolóxicos que ten que afrontar
a nosa sociedade e o planeta no seu conxunto.
No actual Plan de Tratamento de Residuos Urbanos da Coruña
apóstase por unha separación selectiva en orixe (recollida
selectiva), que permite unha mellor integración dos residuos en
procesos de reciclaxe, compostaxe, eliminación, etc. Esta alternativa
fundaméntase nunha ampla e activa participación cidadá.
Os veciños da cidade deben estar constantemente informados tanto do sistema
que se escolle para a eliminación de residuos como das vantaxes que este
supón. É dicir, da importancia do seu papel persoal e colectivo
neste esforzo común. Neste sentido, a formación e a información
da comunidade escolar é un paso fundamental.
A primeira campaña escolar correspondente ao Plan de Residuos chegou
ao 100% dos escolares de entre 3 e 6 anos. Xa está
en marcha a segunda campaña.
|