Itinerario · Praia de Oza
Dende
os diques que a cerran gózase dunha panorámica da enseada que se
abre entre este lugar e as praias de Santa Cristina e Bastiagueiro. Entre outubro
e abril, e segundo os anos, é posible observar aquí colimbos e mergullóns.Os
máis frecuentes son o colimbo grande, o colimbo pequeno e o mergullón
de pescozo negro.
Tamén se observaron nesta zona colimbo ártico, colimbo de Adams
(primeira e única cita ata o momento para a península Ibérica),
mergullón de pescozo vermello e somorgullo cincento. O pato pentumeiro
común, antano moi numeroso, viu recentemente reducida a súa presenza
a uns poucos exemplares. É moi común o corvo mariño real
e menos o corvo mariño cristado. Algúns anos invernan o pato pentumeiro
fosco e o mergo cristado, e en máis dunha ocasión observáronse
o pato pentumeiro americano, o eider común e o pato havelda. Durante
a preamar as rochas non somerxidas son utilizadas para repousar por grupos de
garceta común, ostreiros ou gabitas e o virapedras ou píllara
raxada.
Outras aves comúns son a gaivota cabecinegra, o carrán cristado
e a alca. A última hora da tarde este é un bo lugar para observar
os grupos de corvos mariños reais e de gaivotas escuras e choronas que
abandonan a ría do Burgo cara ás súas zonas de durmir.
|