Un pouco de historia
A mediados do século XIX o abastecemento de auga á cidade da Coruña
facíase mediante o aproveitamento de diversos mananciais dos seus arredores:
Santa María de Oza, San Pedro, Brazal, Frile e Vioño. Cara a 1860,
engadíronselles os de Gramela, Conchiñas, Nelle, Vioño e
Torre das Vellas. O seu caudal era conducido por dous grandes ramais denominados
San Pedro e Vioño, acompañados polas fontes de Santa Catalina, San
Andrés e Santa Lucía, da praza do Correo Vello, da Franja e do Deseo.
Ante o aumento do número de habitantes e o cada vez meirande desenvolvemento
da industria, fíxose imprescindible dispoñer dunha traída
de augas a grande escala que facilitase a cantidade necesaria para cubrir as
necesidades presentes e futuras. Deste xeito, unha vez adxudicado por concurso,
o enxeñeiro Juan Fernández Yáñez elabora en 1881
o proxecto das obras de abastecemento de augas da Coruña, tomándoas
do río Barcés. Por Real Orde do 1 de maio de 1885 concédenselle
ao Concello da Coruña 100 litros de auga por segundo do río Barcés
con este fin.
En 1890 os empresarios Ernest John Bayliss e Roberto Baldelló presentan
unha proposición para realizar a explotación do servizo de augas
que é aceptada polo Concello en decembro dese ano. Ao ano seguinte transfiren
os seus dereitos á sociedade inglesa "The Britsh and Foreign
Trading Company Limited", e asínase o 20 de xuño de
1892 a escritura de contrato entre a devandita empresa e o Concello. En 1894
traspasa a concesión da traída de augas á firma inglesa
"The Corunna Waterworks Company Limited". Tras varios incumprimentos,
o 30 de agosto de 1899, o Concello acorda a rescisión do contrato e caducada
a concesión. Finalmente, co apoio favorable do Concello, pola Real Orde
do 13 de xuño de 1903, declárase a caducidade da concesión
de auga do río Barcés, que é ratificada en 1908.
Ciclo da auga
|