Ayuntamiento de la Coruña
  BUSCAR REALIZAR BÚSQUEDA
Niños reciclando
Escudo Ayuntamiento
Cambiar idioma a Español Change languaje to English
 

 Planta de tratamento da fracción orgánica

Ata hai dez anos, a compostaxe aerobia era a única tecnoloxía limpa dispoñible para o tratamento dos restos orgánicos do lixo. Varios problemas, non obstante, gravaban a súa aplicación: a xeración de olores durante a descomposición, a necesidade de amplo espazo e as dificultades de comercialización do abono resultante cando o material de partida non estaba axeitadamente seleccionado.

A mediados dos anos 90 desenvólvese a nivel industrial a biometanización, é dicir, a fermentación anaerobia destes restos orgánicos. Esta tecnoloxía permite obter deste proceso unha mestura de gases, o biogás, que se pode empregar para a produción de electricidade, de vapor para calefacción, ou como combustible. Este tratamento permite ademais evitar os malos olores, esixe menos espazo e brinda un fertilizante de mellor calidade.

A combinación das dúas solucións tecnolóxicas mostrouse como a mellor alternativa. Esta é a solución adoptada na Planta de Nostián. Vexamos a continuación esquematicamente en que consiste este proceso.

Recepción dos residuos.
Os camións que transportan os residuos orgánicos son pesados á entrada e á saída. Descargan o seu contido no foso de residuos biolóxicos e unha grúa trasládaos ás tolvas de alimentación, con filtros biolóxicos.

Tratamento mecánico previo.
Neste momento ábrense as bolsas que conteñen os residuos e sepáranse e elimínanse os elementos non orgánicos que están mesturados por erro. Despois pasan polos primeiros trituradores. Unhas cribas continuas, rotatorias, separan tres fraccións: a de menor tamaño envíase á fermentación anaerobia, a de tamaño medio emprégase na fermentación aerobia e a de meirande tamaño rexéitase e, empacada en balas, destínase ao depósito.

Dixestión anaerobia (fermentación).
Tras mesturala con auga e microorganismos, esta suspensión é conducida aos 4 dixestores anaeróbicos (ausencia de osíxeno) por medio de bombas hidráulicas. Permanece aquí entre 28 e 32 días a aproximadamente 35 º C. A descomposición produce diversos gases (vapor de auga, metano), denominados en conxunto biogás, que se destinan á xeración de enerxía eléctrica.

Deshidratación e compostaxe.
A materia orgánica procedente da fermentación é deshidratada á saída dos dixestores, nos espesadores, e enviada á nave de compostaxe. Aquí é onde a materia orgánica, ao longo de 40 días, remata o seu tratamento por compostaxe aeróbica. Periodicamente é volteada de forma mecánica, ao tempo que se lle introduce aire mediante un conxunto de ventiladores. Finalmente trasládase á estación de afino, onde se eliminan os inertes que aínda poida presentar e selecciónanse as granulometrías para a súa posterior comercialización.

Respecto ao medio ambiente.
Todo o proceso final lévase a cabo no interior de naves cerradas dotadas de sistemas que extraen os olores e o po en suspensión. Ademais, o interior destas naves está en depresión con respecto ao exterior, co fin de evitar o escape de olores.

Ademais toda a planta conta con elementos que garanten este respecto e instalacións complementarias para o tratamento de augas e aire:
Biofiltros: O aire de saída de toda a planta é depurado por un biofiltro. Este equipo consta dun recheo vexetal de casca de piñeiro tratada sobre a que se desenvolve unha biopelícula que elimina as partículas e as substancias causantes de olores. Ademais, os procesos de compostaxe realízanse na presenza de ventiladores que extraen o aire e que o dirixen ao biofiltro.

Depuradora de augas residuais: Na planta xéranse augas residuais en diferentes procesos (lixiviados do depósito de refugallos, excedentes na deshidratación da materia orgánica, augas de limpeza, etc.). Antes de ser vertidas á rede de saneamento da cidade, estas augas pasan pola depuradora do complexo, na que se someten a unha combinación de tratamentos físicos e biolóxicos que eliminan o seu potencial contaminante.

martes 22 de mayo de 2012
  » Filosofía  
» Plan RU
» Separación en orixe
» Recollida de residuos urbanos
» Planta de Nostián
» Recuperación de Bens
» Residuos especiais
» Convenios
» Proxectos
» Normativa
» Banco de datos
 
















 

Páxina principal
Axuda (FAQ)
Correo
Mapa da web
 
Axenda
A súa opinión conta
Rueiro
Galería de imaxes
 
Enviar
 
Sectores ambientais > Residuos e solos
© Aviso legal