Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

5 de outubro de 2015

O Pleno municipal acorda por unanimidade cambiar os usos da parcela de Santa Lucía para poder introducir máis actividades enfocadas a favorecer o traballo dos e das praceiras

O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, destacou o absoluto compromiso coa rehabilitación deste espazo e a dinamización do comercio de proximidade

O Pleno municipal do Concello da Coruña acordou este luns, por unanimidade,  o cambio de usos da parcela na que está ubicado o mercado de Santa Lucía, que no PXOM de 2013 foi cualificado como equipamento público de abastecemento AB. A proposta do grupo que sustenta o Goberno municipal, os terreos nos que se ubica o histórico mercado pasarán a ter a consideración de equipamento público de continxencia EQ. Desta forma, posibilitarase non só que este solo poida acoller nun futuro un centro de saúde --como se ten xa demandado á Xunta de Galicia-- senón que nel, ademais dos usos propios do mercado, poderán desenvolverse distintas actividades que favorezan a dinamización do comercio de proximidade, como é o caso “de actividades socioculturais ou a inclusión de equipamentos públicos”. O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, insistiu en que “a intención deste cambio busca revitalizar o mercado, introducindo usos que non sexan competitivos co mercado de proximidade, e aproveitando o compromiso do Sergas para a ubicación dun centro de saúde no edificio”.

A iniciativa do grupo de Goberno contou co voto favorable de BNG, PSOE e PP, que destacaron a importancia de poñer en marcha medidas que sirvan para dotar de “dinamismo” ao mercado, pero que “en ningún caso poidan afectar ao traballo das praceiras e praceiros”. “Nun principio, o mercado de Santa Lucía chegou a ter 278 postos, mentres no día de hoxe só conta con 11, é necesario modificar o estado deplorable no que se encontra o edificio”, explicou o concelleiro Varela, que indicou que, na actualidade, o Concello está a redactar un novo proxecto de rehabilitación do mercado cos seus propios recursos, “aproveitando o bo facer e a calidade do funcionariado”. “Neste momento, estamos xa a traballar para facer unha realidade a rehabilitación de Santa Lucía. Estamos tamén en colaboración coa Xunta, que ten a responsabilidade sobre a posibilidade de poñer en funcionamento un centro de saúde, e coa que xa activamos unha comisión de seguimento. Isto non vai quedar nun simple cambio de usos”, advertiu o concelleiro de Rexeneración Urbana, que tamén recordou o compromiso do Executivo municipal de, no momento no que se leven a cabo obras de remodelación no edificio municipal, “causar o menor prexuízo posible a praceiras e praceiros”. Isto pasa por reducir ao máximo o período de deslocalización no que os e as comerciantes teñan que abandonar o mercado polas obras (se chega a ser necesario), e buscar unha reubicación temporal “o máis preto posible da súa situación actual, para favorecer sempre as vantaxes do mercado de proximidade”. “O noso compromiso co mercado de Santa Lucía é absoluto”, reiterou o edil.

Por outro lado, o Pleno ordinario do Concello da Coruña tamén aprobou cos votos favorables do grupo de Goberno e o BNG, a abstención do PSOE, e a negativa do PP, a desestimación das alegacións do grupo municipal popular ao acordo plenario do pasado 7 de agosto, sobre a aprobación inicial da modificación do cadro de persoal municipal e a aprobación definitiva desta. A concelleira de Facenda e Administración, Eugenia Vieito, recordou ao Partido Popular que “o maior gasto en número de altos cargos, directores de área e persoal eventual da historia municipal produciuse baixo o seu mandato”. A edil manifestou a intención do Goberno local de “retomar a senda de recoñecer os méritos do funcionariado”.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión