Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

28 de setembro de 2015

O alcalde lembra a responsabilidade do Goberno local para a promoción e a intermediación, pero tamén o seu deber principal de retomar a iniciativa pública na mellora e creación de emprego

O Concello presenta as bases do Plan de Emprego Municipal, que permitirán un traballo en rede cos axentes sociais da cidade

O concelleiro Alberto Lema avanza que o documento final estará rematado a principios de decembro e será non só un plan do grupo de Goberno municipal senón do sector, no que estean comprometidas as entidades que formamos parte del


O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, presentou na mañá deste luns as bases para o Plan Municipal de Emprego ante as entidades integrantes do Pacto Local para o Emprego e representantes dos distintos axentes sociais da cidade e das forzas políticas municipais, un documento que, como salientou o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, durante o acto “senta as liñas básicas dun plan que aposta pola innovación e o emprendemento na creación de riqueza e do emprego, pola igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e contra a discrimincación social, e que tamén aposta pola cooperación interinstitucional con outras cidades, e coa área metropolitana de forma primordial”. “Máis alá das discusións políticas, o emprego é unha preocupación compartida por todos e todas, se non a primeira”, manifestou o rexedor, quen valorou o compoñente participativo dun documento “que quere organizar o traballo cooperativo, en rede, cos diferentes axentes sociais da cidade para xerar emprego”. “Un documento de bases que responde ao código fonte deste Goberno municipal”, destacou Ferreiro.

Trátase, como tamén indicou o responsable municipal de Emprego, dun “documento director que oriente e planifique a acción de Goberno nos vindeiros catro anos”, pero tamén un instrumento “flexible e dinámico”, que se abre agora ás suxestións e emendas dos axentes implicados, e do que o Concello espera ter unha versión definitiva a principios de decembro,  que será “non tanto un Plan de Emprego do grupo de Goberno municipal como de sector, no que estean comprometidas as entidades que formamos parte del”, adiantou Lema. “Entendemos que o Concello está obrigado a ter esa iniciativa, esa labor de intermediación, e sentar as bases das liñas estratéxicas por onde focalizar os esforzos”, manifestou o concelleiro.

Nese mesmo sentido, o alcalde aludiu á responsabilidade do Goberno local “para a promoción, pero tamén para a intermediación, para facilitar que todos os actores, ademais das pequenas, medianas e grandes empresas, traballen xuntos na creación de emprego de calidade nesta cidade” e lembrou “o deber principal do Concello de retomar a iniciativa pública na mellora e creación de emprego”. “Así debe facerse, tanto desde a creación de emprego público, a través das posibilidades que a lexislación nos permita, como vixiando a relación entre empresas e administración pública para que a creación de emprego de calidade sexa un factor a ter en conta á hora de contratar, deseñar os pregos e controlar a execución dos contratos públicos”, incidiu Ferreiro.

Pola súa banda, o concelleiro de Emprego e Economía Social debullou os obxectivos do Plan, que, como indicou, ten como punto de partida “amosar á cidadanía a capacidade do Concello para influír na creación de emprego”. Tamén, o responsable municipal describiu os eixes de actuación que perfila o documento, que se abre á participación das entidades do Pacto Local polo Emprego o resto de axentes locais, e que, como salientou Lema, “están chamados a ter papel substancial no deseño do plan á hora de decidir as políticas concretas e como se van distribuír os recursos dispoñibles”.

A metodoloxía de traballo que propón o documentado presentado hoxe establece outros eixes como o de análise socioeconómica, a calidade e a innovación; a promoción do emprego; a promoción da actividade empresarial e o emprendemento, co fomento da economía social (tanto das cooperativas como do chamado emprego verde); a cooperación entre as institucións; as estratexias transversais con todas as áreas de Goberno e o estudo das posibilidades que ten o Concello para xerar emprego a través das empresas públicas. Tamén a responsabilidade sociolaboral “para fomentar a igualdade de oportunidades e poñer en valor as políticas empresariais que sexan responsables no eido sociolaboral e que fomentan activamente a igualdade entre homes e mulleres, así como as que loitan contra a exclusión social”, indicou o concelleiro, quen avogou por que as entidades integrantes do Pacto Local polo Emprego se reúnan cando menos dúas veces ao ano para ir avaliando resultados e propoñer modificacións.  

Na presentación estiveron presentes, xunto co alcalde e varios membros do Goberno municipal, representantes dos grupos municipais do PP e o BNG, da Xunta (a través da delegada territorial),  da Universidade e os sindicatos, ademais da Cámara de Comercio, a Confederación de Empresarios, a Unión de Cooperativas de Traballo Asociado e a Asociación de Traballadores por Conta Propia de Galicia, e outras entidades como Cáritas, Cruz Vermella, Arquitectura sen Fronteiras, a Fundación Mujeres, a Asociación Down Coruña, a Federación de Asociacións de Familiares e Enfermos Mentais de Galicia, a Fundación Ronsel e a Fundación Juan Soñador.

Documentos:

Bases do Plan Municipal de Emprego (333 KB)

Documentos relacionados

  • Plan Municipal de Emprego_2015 (333 KB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión