Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

26 de maio de 2016

O Concello abre o proceso para adxudicar a explotación de 48 postos baleiros nos mercados municipais, a metade dos cales se destinarán á inserción de persoas desempregadas

A Concellería de Emprego e Economía Social pon en marcha o concurso polo que os e as interesadas poderá optar, a través de dous procedementos distintos, a 20 postos en San Agustín, 16 na Praza de Lugo, 5 en Monte Alto, 3 en Elviña, outros 3 no mercado Ramón Cabanillas e 1 no de Palavea

Tal e como destaca o responsable municipal de Emprego e Economía Social, coa posta en marcha efectiva do proceso de adxudicación destas prazas, "o Goberno local dá cumprimento a unha vella demanda da cidadanía que nos axuda a rematar co paradoxo de que existisen prazas baleiras nos mercados coruñeses a pesar de ter unha forte demanda de espazo, e aínda máis tendo en conta que poden xerar unha vía de emprego especialmente importante nestes tempos". Entre os dous procesos en marcha, o Goberno local oferta 20 prazas no mercado de San Agustín, 16 prazas no Eusebio da Guarda (Praza de Lugo), 5 en Monte Alto, 3 no mercado de Elviña, outras 3 no Ramón Cabanillas e 1 na praza de abastos de Palavea.

Á hora de adxudicar as concesións destinadas a incentivar a empregabilidade de persoas en situación de paro de longa duración terase especialmente en conta tanto o plan de empresa da persoa solicitante como a súa situación laboral. Debido a eso, neste proceso non se requirirá oferta económica, nin o pago do canon. A adxudicación definitiva sosterase nun 59% en base á proposta técnica que se presente e nun 41% en función da súa situación laboral da demandante e do favorecemento da inserción laboral.O Concello abre de mañá o prazo para presentar propostas para optar ás concesións administrativas para a explotación de 48 postos baleiros nas distintas prazas de abastos municipais, unha medida coa que se pretende favorecer por un lado a inserción laboral de persoas desempregadas e por outro dinamizar estes espazo. Así, e como xa anunciou o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, a Administración local saca a concurso 24 prazas nos mercados municipais destinadas especialmente ao colectivo de persoas desempregadas e outras 24 nas que se valorará de xeito especial o feito de que as persoas ou entidades demandades conten xa con experiencia laboral acreditada. Ambos anuncios foron hoxe publicados tanto no perfil do contratante do Concello da Coruña como no Diario Oficial de Galicia (DOG) e o Boletín Oficial da provincia (BOP), polo que os e as veciñas interesadas deberán presentar os seus proxectos e solicitudes nun prazo de 30 días a partir deste venres, 27 de maio. A adxudicación de todas as prazas terá un período máximo de concesión de 25 anos. As persoas que resulten novas concesionarias destas prazas rexerán os seus dereitos e obrigas en base as actuais ordenanzas de mercados.

Segundo os pregos de contratación valorarase o proxecto de negocio, o plan de márketing e a especialidade e orixinalidade dos productos a vender ou servizos a prestar. O feito de que se trate de productos locais, de comercio xusto, produción ecolóxica ou tradicionais galegos será obxecto dunha maior puntuación. Terase especialmente en conta, por outra banda, a modernización na xestión, a presencia en redes sociais e, así mesmo, a posta en marcha de iniciativas innovadoras no espazo a adxudicar. En concreto, as 24 concesións administrativas que se outorgan neste categoría repartense en 11 postos no mercado de San Agustín, 8 na Praza de Lugo, 2 en Momte Alto, 1 en Ramón Cabanillas, outra en Elviña e unha última en Palavea.

Unha vez analizada a documentación administrativa presentada polos e polas solicitantes en base aos pregos, procederase a anunciar no perfil do contratante do Concello a apertura pública dos proxectos. A valoración dos mesmos será realizada por un comité de persoas expertas que emitirá un informe técnico respecto dos factores de adxudicación do procedemento aberto. Como en calquera outro acto, o presidente da Mesa de Contratración será quen finalmente manifeste o resultado da cualificación dos documentos presentados.

Por outra banda, as prazas para solicitantes con experiencia no sector comercial localízanse nos mercados de San Agustín (9), Praza de Lugo (8), Monte Alto (3), Elviña (2) e Ramón Cabanillas (2). Estes 24 postos teñen un prezo de licitación de distintas cuantías, segundo as características do espazo ofertado. As persoas físicas e xurídicas que decidan optar a estas prazas deben acreditar a súa solvencia técnica, que se entenderá garantida cunha experiencia laboral de ao menos un ano.

Á hora de adxudicar estes postos terase en conta tanto a proposta técnica que realice a persoa ou entidade solicitante do posto como a oferta económica que realice. Como no outro proceso, os e as solicitantes terán un prazo de 30 días a partir de mañá para presentar as súas proposicións, que logo serán avaliadas por un Comité de Persoas Expertas.

O concelleiro de Emprego e Economía, con competencia na xestión dos mercados municipais, salientou este xoves a súa confianza na boa acollida deste proceso de outorgamento de concesións. "Se puxemos en marcha este procedemento de concurso é precisamente pola gran demanda que existía na cidade, tanto entre o sector dos propios praceiros e praceiras como no resto da sociedade, porque así nolo comunicaban, explicou, recordando que "non hai unha convocatoria municipal neste termos dende o ano 1994". "Con este concurso damos resposta ás demandas de distintos colectivos, tanto ao de profesionais do sector como ao de persoas en situación de paro de longa duración, que non terán que presentar oferta económica nin proceder ao pago do canon, algo que nos parece moi reseñable", comentou. "A nosa intención non era que estes postos estiveran reservados unicamente a aquelas persoas que pudieran poxar máis alto por eles", engadiu.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión