Concello da Coruña

Concello da Coruña

Poetas Dinversos: Claudio Pozzani e Manuel Forcadela

Nesta ocasión contamos coa presenza de Claudio Pozzani e Manuel Forcadela.

Cando:

22/04/2013

Xa rematou

Horario:

20.30 h.

Enderezo:

Centro Sociocultural Ágora

Documentos:

FOLLETO_DINVERSOS--3.1-.pdf (602 KB)

CLAUDIO POZZANI

Genovés nado no 1961, Claudio Pozzani é un poeta, músico, performer e novelista italiano de proxeccción internacional, participou nos festivais literarios e feiras do libro máis importantes de Europa, Asia, Africa, Sudamércia e Norteamérica.

Entre os seus libros publicados hai edicións bilingües (italiano-francés) saídas en Francia como a selección de poemas titulada Saudade & Spleen (que xa vai pola terceira edición) ou Cette page déchrée. É autor tamén dun libro de relatos e dúas novelas. Máis recentemente, concretamente no ano 2010, publicou en CD o proxecto poético La marcia dell'ombra (A marcha da sombra) cos músicos Fabio Vernizzi e Andrea Vialardi, un novo traballo froito dos seus espectáculos poéticos, que se distribuíu por toda Europa e chegou á duodécima posición nos 100 da radio independente italiana, por primeira vez para un disco de poesía. Ademais diso, textos seus foron traducidos a máis de dez linguas e aparecen en antoloxías e revistas especializadas de ámbito internacional.

Como xestor cultural, Pozzani é dende 1983 o fundador e director do Circolo dei Viaggiatori nel Tempo, unha plataforma dende a que é creador e organizador de numerosas manifestacións internacionais de poesía, tanto en Italia coma no exterior.

 

A MULLER DÁS BÁGOAS DOCES

Es a muller das bágoas doces

Cada aceno teu é unha chama lixeira

Es a sombra, es o gato que escapa e que volve

Es o impacto do tren contra as pólas saíntes

Un alambique cheo de mercurio e xofre

ferve de noite entre os teus seos perfectos

Cantos alquimistas perderon os pulmóns

perseguindo os ríos do teu corpo suado!

Es a muller que dita o ritmo das estacións,

que me divide a espera entre un e outro latexo

Es Venus que nace dun alude de lava

Es Psique que ten sempre acesa esa luz

Pisas a terra e nin sequera te decatas

que a cada pegada túa cobra vida un xardín

Polo teu cabelo o vento dálle as grazas a Deus

por terlle agasallado cun obxecto de vida.
 

 

 

MANUEL FORCADELA

Máis coñecido como Manuel Forcadela, Manuel S. Fernández Álvarez tomou o pseudónimo literario do nome da aldea onde naceu no concello de Tomiño, en 1958. Doutorouse en Filoloxía Galaico-Portuguesa pola Universidade de Santiago cunha tese sobre a poesía de Eduardo Pondal. Catedrático de Lingua e Literatura Galegas de Ensino Medio en excedencia, na actualidade exerce como profesor titular na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. Da mesma forma, traballou como profesor convidado na CUNY (City University of New York).

Ademais de xestionar un dos pioneiros blocs literarios galegos (oximnasiodeacademo.wordpress.com), como escritor colabora habitualmente en revistas e xornais, e é o autor de máis dunha vintena de obras que alcanzan a poesía, a narrativa e o ensaio literario. Centrándonos na súa obra poética, debemos remontarnos ao ano 1982 para situar o seu debut literario. A Ferida acústica de río ségueo, en 1985, O regreso das ninfas, que alcanza edición bilingüe galego-castelán no 2001. En 1988 ve a luz O varredor en outono, e no 1992 fano Nausícaa e Profecía.

Nos tres primeiros anos do novo século saen Morte do fadista, Lámpada e medusa e Refutación da musa, que tamén conseguirá editarse en galego-castelán. Tras Música de cinza (2008), os dous últimos poemarios do autor son descargables en edición dixital no seu propio blog, e titúlanse Xardín queimado (2012) e Sales do ano doce (2013).

Bebían os cabalos na fonte xunto a nós

E viñan nubes breves turrando do verán

Distantes perseguindo a sombra das maceiras

Os ecos que deixaban na brisa acordeóns

Que alguén tocaba en orfas penumbras portuguesas

E Electra dixo deixa

Lasciate ogni speranza

Que o poeta está manchado pola culpa

Do mar pola orela mireino pasar

O seu traxe leva sangue de linguaxe

A camisa borras negras de caer

A rebolos na lameira das palabras

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión