Concello da Coruña

Concello da Coruña

"La pintura madre". Primeira retrospectiva institucional dedicada a Miguel Ángel Campano

O venres 31 de maio, ás 20.00 h, o Concello da Coruña inaugura de maneira conxunta no Kiosco Alfonso e na sala de exposicións de Palexco, a primeira retrospectiva institucional dedicada a Miguel Ángel Campano.

Cando:

Dende o 31/05/2013 ata o 28/07/2013

Xa rematou

Horario:

Todos os días de 12 a 14 e de 18 a 21 h.

Enderezo:

Quiosco Alfonso

A través desta exposición, comisariada por Nicolás Combarro, faise un percorrido pola traxectoria do madrileño Miguel Ángel Campano, nacido en 1948, que se converteu nun dos máis destacados artistas do panorama plástico expañol e un referente da renovación da pintura que ten lugar na década dos 80. Nesta mostra revísase a súa produción dende estes anos ata as súas últimas creacións.

Ao longo da súa traxectoria, abordou as máis variadas técnicas pictóricas e estilos, converténdose a dualidade figuración-abstracción na marca distintiva que lle serve para configurar unha linguaxe propia e individualizar a súa produción entre as diferentes correntes artísticas.

En "La pintura madre" profúndase no concepto que Campano ten da creación pictórica, que non é outro que "a capacidade creadora do individuo, que logo cobra un valor subxectivo". Equipara a pintura cunha medra que "xera e rexenera a nosa vida a través da súa práctica", ademais de considerar imprescindible a intervención do espectador como observador para dar por finalizada cada unha das obras.

Paisaxes

Cronoloxicamente, as primeiras pinturas da mostra responden á etapa que o autor desenvolveu en Francia e Mallorca durante os anos 80, nas que se inspirou en mestres como Cézanne ou Picasso, recreando vistas ao natural baixo a influencia do cubismo e o expresionismo abstracto, onde os ambientes rurais e os campesiños son os protagonistas. A súa revisión da Escola Francesa e de figuras como Poussin serviralle de base para crear a súa serie "Las estaciones", na que descompón o figurativo para internarse na abstracción.

A medida que avanza na década dos 90, o autor madrileño aborda as súas creacións xogando co binomio branco e negro, sintetizando formas e figuras que dan como resultado composicións enigmáticas, de tendencia abstracta, tal e como se aprecia nas series tituladas EH, dedicada ao seu amigo Eduardo Hervás, ou "Las plegarias", que xorde tras o falecemento do seu pai. Esta época tamén coincide coa súa primeira viaxe á India, un país que o marcará a nivel persoal e profesional.

Regreso á cor

Coa chegada do novo século, o autor madrileño aborda exclusivamente a abstracción e retoma a cor, sempre vibrante, a través dunha serie homenaxe ao seu mestre José Guerrero. A partir dunha nova visita á India, empezará a crear sobre lungis, peza masculina cuxa tea está conformada por retículas que lle proporciona fondos a modo de tramas sobre os que traballa e que o inspirarán para novas obras coa cor como protagonista.

As últimas obras incluídas na exposición pertencen a finais da pasada década, onde as creacións tenden cara ao branco, xa que sobre as manchas de cor aplicará veladuras, mediante as cales elimina elementos que distraian o espectador da esencia da composición.

Con esta mostra homenaxéase a un dos autores que máis contribuíu á renovación da pintura contemporánea española. O seu traballo foi galardoado, entre outros, co Premio Nacional de Artes Plásticas, que lle foi outorgado en 1996, e está presente en destacadas coleccións como a do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, a da Fundación Juan March, a do Instituto Valenciano de Arte Moderna-IVAM, a do British Museum ou a do Centro Georges Pompidou.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión