Concello da Coruña

Concello da Coruña

Air_port_art

Grazas ao intercambio institucional e á Fundación AENA, a Fundación Luis Seoane acollerá unha mostra de parte da Colección AENA de Arte Contemporánea, con preto de cen pezas de trinta e catro artistas.

Cando:

Dende o 21/06/2013 ata o 27/10/2013

Xa rematou

Enderezo:

Fundación Luis Seoane

A Colección AENA de Arte Contemporánea

A Fundación AENA creouse no ano 1994 co fin de xestionar, conservar e difundir un patrimonio artístico que comezara a reunirse trinta anos atrás. A colección componse de máis de mil seiscentas obras, e nela están representados tanto artistas internacionais como españois, aínda que é certo que o groso dos fondos está constituído polos nomes máis importantes da arte española contemporáneo. O título da mostra "air_port_art" fai referencia ao propósito orixinal que levaría posteriormente á construción da colección: reunir obras de arte contemporánea co fin de recibir os usuarios das instalacións aeroportuarias con diferentes mostras artísticas.

A exposición

A selección realizada pola comisaria da exposición e conservadora da colección, Ángeles Imaña, componse dun conxunto de obras realizadas ao longo das dúas últimas décadas por artistas internacionais e nacionais, sendo maioritario este último grupo, o que proporciona a esta mostra un certo carácter documental sobre todo no referente á evolución da arte española da segunda metade do século XX. Neste aspecto, destaca a inclusión na exposición de diferentes grupos de series realizadas por algúns dos artistas españois máis destacados, como José Manuel Broto, Miguel Ángel Campano, José María Sicilia, Susy Gómez ou Darío Urzay, así como as series fotográficas de Daniel Canogar, ou a realizada polo artista pontevedrés Antón Lamazares, constituíndo este último, xunto a Manolo Paz e Antonio Murado a representación da arte galega na exposición.

A variedade dos soportes e formatos presentes en air_port_art ofrécelle ao espectador a posibilidade de observar unha mostra da evolución da pintura dende comezos da década dos noventa ata os nosos días, grazas á presenza de obras de Miquel Barceló, Pedro Calapez, Luis Gordillo, Federico Herrero, Juan Navarro Baldeweg, Soledad Sevilla, Juan Uslé, Antón Lamazares e o xa desaparecido Roberto Matta. No que respecta á fotografía, ou ao emprego desta como fío condutor da obra, a exposición conta con creadores da categoría de Chema Madoz, Alberto García-Álix ou Daniel Canogar, de quen se inclúen parte de dúas series, Gravedad Cero e Enredos, a través das que consegue transmitir sensación de movemento mediante figuras estáticas. As imaxes oníricas de Pablo Genovés ou o urbanismo caótico de Hanoi reflectido por Dionisio González, a sutil delicadeza das fotografías de Paloma Navares e a solidez que emana dos traballos de Santiago Sierra ou de Álvaro Sánchez-Montañés cerran a presenza da fotografía na mostra.

No apartado correspondente á escultura, a poesía patente nas tres pezas de bronce do italiano Fabrizio Plessi ou a sutileza de Luna atravesada de Miquel Navarro conviven na mostra coa rotundidade do granito, protagonista habitual da obra de Manolo Paz, a dimensión pictórica do traballo escultórico de Pello Irazu, o dominio da materia de Jaume Plensa ou o carácter orgánico do traballo de Joan Cortés.

Por último, a mestura de pintura e fotografía, base da obra de Darío Villaba, sen dúbida unha das figuras máis importantes da arte española contemporánea, xunto co mural metálico do artista holandés Jan Hendrix, a imaxe enigmática de The Flight of the Soul de Bernardí Roig, e as pezas de vídeo de José Manuel Ballester e Tim White-Sobieski cerran unha proposta que permanecerá nas salas da Fundación Luis Seoane ata o próximo mes de outubro.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión