Concello da Coruña

Concello da Coruña

Skeleton Sea

Un proxecto que une arte e ecoloxía, creado conxuntamente por tres surfistas, João Parrinha, Luis de Dios e Xandi Kreuzeder, co fin de conservar limpos os océanos.

Cando:

Dende o 17/09/2014 ata o 02/11/2014

Xa rematou

Enderezo:

Sala de exposicións PALEXCO. Peirao de Transatlánticos s/n. 15003 A Coruña

Prezo:

Gratuíto.

É arte, pero cun estilo moi particular, xa que se constrúe a base de restos e refugallos: lixo das praias e outros materiais en estado de degradación. A reinterpretación artística dos ditos materiais tráeos de volta á vida, ao formar esqueletos con forma de obxectos e instalacións de técnica mixta. A importancia de manter os mares limpos e a importancia de respectar a natureza e os dereitos humanos é a mensaxe que estes tres artistas desexan comunicar a través da mostra Skeleton Sea.

Antigas boias de cristal chinés envoltas en cordas, ósos de balea brillantes e pulidos, espiñas de peixes, boias de pescadores e de plataformas petrolíferas, anacos de madeira e de metal oxidado de naufraxios de barcos son algunhas das pezas que rescataron do mar estes tres deportistas durante os seus descansos nas prácticas do surf. Tesouros do mar que son o xerme dun proxecto artístico para crear esculturas e instalacións que expoñerían nas costas. Parrinha, Kreuzeder e Luis de Dios uniron as súas forzas para fundar Skeleton Sea e comunicar a súa particular visión sobre o punto de encontro entre natureza, deporte e arte. A súa mensaxe non pode ser máis clara: mantén limpos o océano e as praias!

Os artistas

João Parrinha naceu en Lisboa (Portugal) en 1961. É artista, músico e deseñador de esculturas. En 1977 iniciouse no surf cunha táboa de segunda man que compartía co seu irmán. En 1980 uniuse a Nick Uricchio e Pereira Caldas, fabricantes das táboas de surf da firma Lipstick. João comezou a decorar tanto as súas propias táboas como as de Lipstick, transformándoas en pezas de arte únicas, e empezou a expoñelas en diferentes espazos, entre os que se encontran a sala do Ministerio de Cultura Almada Negreiros e a prestixiosa Fundación Gulbenkian Foundation. En 1990, João inaugurou a súa primeira exposición individual e dende entón decantouse pola escultura, disciplina coa que participou en exposicións en distintas partes do mundo. Así mesmo, traballou como director de fotografía en cine ("Alta fidelidad") e televisión e realizou anuncios comerciais e videoclips para bandas como Oasis.

Luis de Dios naceu en Alacante (España) en 1969. O seu gusto pola experimentación con novas técnicas caracteriza a súa produción artística, cuxo trazo dominante é a xuxtaposición de materiais, formas e cores. Luis de Dios é coñecido pola súa maneira única de comunicarse a través da arte, afastado dos procesos artísticos tradicionais. “Buscar sen descanso, experimentar sen repetición”, así define el mesmo a súa inspiración.

Xandi Kreuzeder naceu en Munich (Alemaña) en 1962. Tras unha década na elite do windsurf, chegando a situarse entre os 20 mellores windsurfers do mundo nesta especialidade. Na actualidade é un exitoso fotógrafo freelance de natureza, deportes extremos e moda deportiva. Cun don natural para a artesanía, o seu ollo permanece sempre atento para captar a beleza mesmo dos materiais refugados, o que o levou a crear esculturas a partir de materiais reciclados. Hai 10 anos tivo a idea de poñer en pé proxectos creativos xunto a algúns dos seus amigos artistas. Xunto ao portugués João Parrinha realizou a súa primeira exposición en Munich en 1995. Dende entón, enlazou sen descanso un proxecto artístico tras outro. O seu obxectivo é unir o deporte coa estética e a arte, sen deixar nunca de lado a fotografía.

Fran Crowe abandonou no 2001 a súa exitosa carreira no mundo do márketing para mudarse xunto á súa familia a unha pequena propiedade semisalvaxe en Suffolk, unha zona rural xunto á costa leste de Inglaterra, para levar unha vida sinxela e cultivar os seus propios alimentos. A súa paixón polo coleccionismo levouna a empregar o lixo que achaba durante os seus paseos pola beira do mar como material para as súas creacións artísticas. Fran estima que recolleu (e reciclou como arte) preto de 100.000 pezas de plástico de refugallo mentres camiñaba polas praias próximas ao seu fogar. Divertido pero serio ao mesmo tempo, o seu traballo reflicte a súa crecente consternación polos danos que o noso estilo de vida occidental están a causar na contorna. Fran subverte as habilidades da súa formación como profesional para crear obras cun ton humorístico ou, mesmo, surrealista; realizadas cunha mínima intervención. Dunha primeira ollada, as súas creacións resultan impresionantes a nivel visual, pero o transfondo está nos detalles. A súa obra sobrecolle, pero tamén entretén, ademais delle transmitir ao público, segundo ela mesma confesa, unha mensaxe inesquecible das ondas.

Máis en http://www.skeletonsea.com/.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión