Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

27 de xuño de 2016

Así foi o noso VIII Encontro de Presentación de Proxectos

Excelente remate do noso itinerario formativo para persoas emprendedoras

O pasado mércores, 22 de xuño, celebramos o VIII Encontro de Presentación de Proxectos no Centro Municipal de Empresas da Grela. Tras finalizar o itinerario formativo, sete persoas emprendedoras presentaron os seus proxectos nesta xornada.

O acto foi aberto polo concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, quen felicitou as persoas relatoras, pola súa decisión de poñer en marcha os seus proxectos empresariais, ademais de animalas e brindarlles o apoio do concello e da súa concellería.

Gozamos da iniciativa emprendedora de:

Rubén Vicente Otero López e o seu proxecto "Buttercow": cafetería con despacho de pan e os seus derivados, cuxo obxectivo é ofrecer un produto de moi alta calidade e sempre cun sorriso. A forma elixida para a súa xestión foi a de franquía.

Este local diferenciarase da competencia porque ofrecerá un servizo a domicilio, terá un horario ampliado, contará con tabletas para que os seus clientes poidan navegar por internet, sen límite na súa sala, de maneira que se sintan como no seu propio fogar.

Paula Conde Rojas continuou coa presentación de "Mantra": o seu nome, significa "Liberación da mente". Paula quere conxugar inglés e ioga e dirixe as súas actividades tanto a nenos e nenas, a partir dos catro anos, como a persoas adultas.

Aprender un idioma combinado cunha actividade como o ioga ofrece a ocasión única de aprender un idioma nun contexto relaxante, á vez que descobres ou profundas nas técnicas do ioga.

O punto forte deste proxecto é o de ser novo no mercado local, xa que actualmente non existe competencia.

Humberto Coll Alcina presentou o terceiro proxecto, "Coll consultores": Consultoría especializada en prevención de riscos laborais e RR.HH. A detección de necesidades e a prevención é o leitmotiv deste negocio, para iso Humberto conta cunha ampla formación e experiencia, que o avalan para prestar un servizo de primeira liña.

Esta consultoría ofrece unha atención moi personalizada aos seus clientes, que vai desde a detección de necesidades á confección dun plan de traballo e á vixilancia do cumprimento do regulamentado na lexislación vixente en cada momento.

Reyes Quián Regaldíe, Doar Rodríguez Pas, Sara Pena e Mª Saavedra Canalejo preséntannos "Daltopía": Imaxe gráfica adaptada ás persoas con problemas de daltonismo.

Preguntámonos algunha vez se o noso negocio se ve? España conta con 2.000.000 de persoas daltónicas e cun 5% aproximado de persoas que descoñecen se o son. Neste contexto, nace Daltopía.

Daltopía está promovido por un mercado amplo, con oportunidades e necesidades sen cubrir, sobre todo no ámbito editorial.

Sara Mª Cunsolo Esparís presentou o seu proxecto, "A arca de Noé": cafetería cunha área específica para o goce e entretemento dos nenos e nenas. Un espazo cómodo e de calidade, onde os maiores e os nenos se atopen a gusto, con excelente servizo e prestacións.

Ofrecerá ademais do servizo de cafetería e de restaurante con chef galego, formado na escola de hostalería de Pontedeume, a organización de festas e reunións infantís e de adultos. Contará cun servizo de asesoramento especializado en psicoloxía.

Laura Pérez López continuou a xornada coa presentación do proxecto denominado "APProvecha Coruña": Cantas cousas perdemos na cidade, por non coñecer da súa existencia?

A app "Aprende Coruña" é unha aplicación fácil e gratuíta, que nos permitirá aproveitar, atopar, compartir e gozar de todas as oportunidades, de calquera clase, que nos poidan interesar na Coruña.

Cerra as nosas presentacións Nuria Cortizas Ledesma, co seu proxecto "12Deleite": promover a calidade do leite galego a través dun produto que nace dunha receita tradicional, o doce de leite.

Innovar a partir do tradicional, faise posible neste proxecto. 12Deleite conxugará a súa receita tradicional coa innovación, ofrecendo distintas variedades de doce, tendo en conta as intolerancias alimenticias. A creatividade tamén ten oco nesta empresa, así os seus produtos tamén se presentan en botes decorativos que poderán ser feitos a gusto do cliente.

Moi pronto poderás ver as gravacións do evento na nosa canle Youtube. Mentres, podes recuperar as nosas sesións a través do hashtag #CMEVIIIEncontro, ver o noso álbum de fotos do evento, ou participar no noso espazo en Facebook.

Moitas grazas por acompañarnos.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión