Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

19 de outubro de 2016

José Manuel Sande presenta a quinta edición do Foro 'Deporte para todos', "unha proposta que defende a práctica deportiva desde a súa vertente social e integradora"

O domingo 23 de outubro terá lugar a XXI Carreira Altenativa, unha actividade gratuíta e non competitiva, “aberta á cidadanía”, a prol das persoas con dano cerebral adquirido

O deporte, desde a perspectiva inclusiva e saudable, terá especial protagonismo esta fin de semana na Coruña. O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, participou esta mañá na presentación de dúas propostas que contan co apoio do Goberno local e que teñen, como finalidade, o fomento da práctica deportiva "como ferramenta para a integración da cidadanía". Así o confirmou o edil na presentación do V Foro do Deporte para Todos, un encontro profesional de carácter anual que terá lugar este sábado 22 na Coruña e no que se debatirá a conceptualización do 'deporte para todos', o acceso á practica deportiva para todas as persoas, así como o papel que teñen as federacións e clubs no desenvolvemento do mesmo e dos acontecementos de marcado carácter popular. Este Foro, de participación gratuíta e que terá lugar na tarde do sábado no Hotel Hesperia Finisterre, está dirixido a profesionais da xestión deportiva e contará con representantes de clubs e federacións galegas. O responsable municipal saudou a proposta, "que defende a vertente social, saudable e integradora que ten o deporte, tal e como incide o Concello neste mandato", unha liña "á que se dará continuidade" tamén a través doutras iniciativas nas que participe a súa área.

Neste sentido, o próximo domingo 23 de outubro, A Coruña acollerá unha nova edición da coñecida como Carreira Alternativa, unha proba gratuíta e de caracter non competitivo que pretende visualizar o dereito da cidadanía á práctica deportiva, sen ningún tipo de barreira ou discriminación. Este ano a carreira, que celebrará a súa 21ª edición, será a prol daquelas persoas con dano cerebral adquirido --cuxo Día Mundial se celebra o 26 de outubro--, e consistirá nun circuíto de sete quilómetros no que se poderá participar a pé, andando ou correndo, ou cun vehículo que facilite a mobilidade, como bicicleta, patíns ou cadeira de rodas. A iniciativa, "aberta á cidadanía", especificou o edil, e que tamén conta co apoio do Concello, contará con numerosa programación dirixida a público de todas as idades na praza de María Pita, "un enclave destacado da cidade", no que ademais estará situada a saída e meta da proba. Así, fronte ao Pazo Municipal desenvolveranse distintas estacións con xogos, desde alternativos e tradicionais, ata boccia, minigolf, zumba ou mesmo raqueta.

A Carreira Alternativa partirá da praza de María Pita ás 11.00 horas, e o seu percorrido transcorrerá pola avenida da Mariña, Juana de Vega, Paseo Marítimo --desde a Coraza ata a Torre de Control--, Paseo do Parrote e Dársena para finalizar en María Pita. Co gallo desta celebración, o Concello da Coruña despregará un dispositivo especial de tráfico ao longo da mañá do domingo.


 

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión