Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

23 de febreiro de 2017

O Goberno local recomenda empregar o Paseo Marítimo e a Ronda do Real Club Deportivo como vía de entrada e saída da cidade

O Concello establece este domingo 26 un dispositivo especial de tráfico pola celebración do medio maratón Coruña21

A proba, que comezará ás 10.00 horas e na que participarán máis de 1.930 deportistas, provocará modificacións nalgúns tramos nos itinerarios habituais das liñas de autobús 1, 1A, 2, 2A, 3, 3A, 5, 7, 14, 17, 21, 23, 23A e 24 e cortes de tráfico desde as 06.30 horas

A Concellería de Mobilidade Sostible, área que dirixe Daniel Díaz Grandío, informa que o próximo domingo, 26 de febreiro, establecerase un dispositivo especial de tráfico con motivo da celebración da novena edición do medio maratón Coruña21. A proba, que terá a súa saída e meta no Cantón Grande, provocará cortes de tráfico no centro da cidade desde as 06.30 horas, e no percorrido do circuíto entre as 09.30 e as 12.30, polo que o Goberno local recomenda evitar, na medida que sexa posible, o uso do vehículo privado nas zonas afectadas e, de ser necesario, recoméndase a circulación polo Paseo Marítimo así como empregar a Ronda do Real Club Deportivo como vía de entrada e saída da cidade.

Coruña21, considerada a oitava mellor proba na distancia do Estado, segundo a Real Federación Española de Atletismo, conta este ano con 1.935 inscricións, o que supón a segunda edición máis numerosa da súa historia. As e os participantes percorrerán 21.097,50 metros nun circuíto de dúas voltas, deseñado entre Os Pelamios e Oza. A carreira comezará ás 10.00 horas --ás 09.55 tomarán a saída as e os atletas de handbike e cadeira de rodas-- e a hora prevista da súa finalización é ás 12.30 horas, polo que a súa celebración provocará modificacións na circulación durante toda a mañá do domingo 26.

Os primeiros cortes produciranse na zona dos Cantóns, para a montaxe da saída e meta da carreira. No sentido saída da cidade, o tráfico cortarase desde as 06.30 até as 14.30 horas, polo que o trafico desviarase pola glorieta situada fronte á Autoridade Portuaria cara as rúas Ambrosio Feijóo e avenida do Porto. No sentido entrada, o corte establecerase desde as 07.30 ata as 14.00 horas, e o tráfico desviarase desde a Praza de Mina cara Juana de Vega.  Tamén estará cortado ao tráfico, pero só no sentido saída da cidade, o túnel do Parrote. Esta afección producirase desde as 09.00 ata as 12.30 horas, pero permitirase a circulación no sentido contrario. Nesta zona tamén estará afectado o Paseo Marítimo, desde o Castelo de San Antón até o Cemiterio de San Amaro, desde as 09.00 ata as 12.30 horas, pero facilitarase o paso ao Dique de Abrigo desde a Praza do Emigrante por medio da Policía Local.  Finalmente, de 09.30 horas ate as 12.30 horas, o Concello procederá a cortar totalmente o tráfico no percorrido do circuíto de Coruña21.

A partir das 07.30 tamén se producirán cortes nalgúns tramos das AC-11, AC-10 e AC-12. A entrada da cidade pola AC­-11 (Avda. de Alfonso Molina) estará afectada no viaducto, á altura da Ronda de Nelle. Cortarase, entre as 07.30 e as 12.30 horas, o carril esquerdo de acceso, que dará saída aos vehículos entre a Avenida do Porto até o paso peonil situado á altura de Fernández Latorre. Tamén a entrada á cidade pola AC-­12 --Avda. da Pasaxe, no túnel dos Castros-- verá afectado o seu km. 2, no desvío a Casablanca, onde se cortará un carril para calmar o tráfico e sacalo á Avenida do Porto, á altura da gasolineira. Habilitarase tamén a glorieta da Ronda de Outeiro coa Avenida do Porto para esta nova situación para o tráfico. A saída por esta vía poderase tomar a partir da Ronda de Outeiro, e o tráfico do Porto terá neste punto o seu único acceso e saída, que estará canalizada por un valado desde a glorieta da Estrada do Porto.  No caso da AC-10, desde as 07.30 até as 11.30 horas desviarase todo o tráfico do túnel de Eirís cara o enlace de Casablanca --para chegar ata Repsol e Oza, por exemplo--. No sentido cara Matogrande non haberá afección.

Estas medidas provocarán que distintas localizacións vexan modificados os seus accesos durante a mañá do domingo. O servizo de urxencias da Casa do Mar terá un carril de acceso desde a Costa da Palloza, que terá a súa saída até Ramón y Cajal. Tamén o acceso á Torre de Control Marítimo e o parking verán modificados os accesos e saídas, ao facerse só nun carril único, o máis próximo a muralla, cara o aparcadoiro situado baixo o parque da Maestranza, onde continuarán cara o Instituto Oceanográfico e cara o Dique.

Limitacións do estacionamento

En canto ás limitacións do estacionamento, na Avenida do Exército non estará permitido facelo desde o cruzamento con Ramón y Cajal até a Ronda de Outeiro, nos dous lados e entre a Carretera do Porto e o xiro cara Concepción Arenal e a praza da Palloza. A prohibición para o correcto desenvolvemento da carreira tamén afectará á glorieta da Ronda de Outeiro (AC-­12) e a estrada do Porto até a rotonda de Oza, en ambos os dous sentidos. Tampouco se poderá estacionar no Paseo Marítimo --desde a rúa Veramar até a incorporación de Metrosidero--, na glorieta do Emigrante --nin na súa contorna-- nin na rotonda das Ánimas, agás no tramo que leva ao Castelo de San Antón, no que non se poderá desaparcar.

Mobilidade da veciñanza

De cara a veciñanza e uso do vehículo privado, o Goberno lembra que o Paseo Marítimo estará aberto desde O Portiño até a glorieta de Adormideras. Para acceder á Cidade Vella e Monte Alto, poderase facer desde a AC-­11 e Alfonso Molina a través de Linares Rivas, Avenida do Porto, túnel de María Pita, Praza das Atochas e Orillamar. Tamén poderase empregar Federico Tapia, Praza de Galicia, Rosalía de Castro, Francisco Mariño, Praza de Pontevedra, San Andrés e rúa Nova cara o Paseo Marítimo. Para a saída, recoméndase facelo tamén a través do Paseo Marítimo, desde Adormideras cara a Ronda do Real Club Deportivo; ou a través da rúa Torre, Campo da Leña, Baltasar Pardal Vidal, Praza das Atochas, túnel de María Pita, Avenida do Porto e Linares Rivas, cara Alfonso Molina, polo carril habilitado.

No acceso á zona do Ensanche e Peixería, recoméndase facelo a través da Avenida de Finisterre e Juan Flórez. No caso de facelo desde Monelos, poderase continuar por Caballeros, Marqués de Amboage, Enrique Hervada, Castiñeiras e Federico Tapia. Estas dúas últimas vías tamén servirán para os vehículos que accedan desde a AC-11, por Alfonso Molina. Para a saída destes barrios, o Goberno local recomenda facelo tamén a través do Paseo Marítimo e a Ronda do Real Club Deportivo, pero tamén hai outras posibilidades. No caso do Ensanche, habilitarase un carril desde a Praza de Ourense até a Avenida de Alfonso Molina, e tamén poderá facerse pola Praza de Pontevedra e Juan Flórez. Para os vehículos que queiran saír de Peixería, poderán facelo tamén a través da rúa San Andrés cara a Avenida de Finisterre ou Juan Flórez.

Transporte público urbano

O servizo de autobuses público tamén verá modificado a ruta ordinaria de distintas liñas pola posta en marcha deste dispositivo especial de tráfico. A partir das .09.30 horas, hora prevista do corte do tramo entre a Casa do Mar e Porta Real, as liñas 1, 1A, 2, 2A, 5, 17, 23 e 23A, procedentes de Catro Camiños e con dirección Porta Real, desviaranse cara Enrique Hervada, Castiñeiras, Federico Tapia, Praza de Galicia, Rosalía de Castro, Francisco Mariño, Praza de Pontevedra, San Andrés, Rúa Alta, Paseo Marítimo, rúa Hospital e Campo da Leña. As liñas 21 e 24, desde a zona de Castro Camiños, circularán por Federico Tapia, Praza de Galicia, Rosalía de Castro e Francisco Mariño, e terán a cabeza de liña en Juan Flórez, 10.

No sentido contrario de circulación, as liñas 1, 1A, 2, 2A, 17, 23 e 23A regresarán desde o Campo da Leña por Panaderas, Orzán, San Andrés, Praza de Pontevedra, Juan Flórez, San Pedro de Mezonzo e Catro Camiños, onde retomarán a súa ruta habitual.

As liñas 1 e 17, entre Catro Camiños e Os Castros, ao non poder circular pola Palloza e a Avenida do Exército, transitarán pola Avenida de Oza até Os Castros. Polo mesmo motivo, a liña 14 circulará pola Avenida de Oza desde Os Castros ata Catro Camiños.

As liñas 3 e 7, desde Santa Catalina, continuarán por San Andrés, rúa Alta, Paseo Maritímo, rúa Hospital, Campo da Leña e Orillamar, onde recuperarán o seu itinerario. A liña 3A, no sentido Adormideras - Praza de Pontevedra, continuará desde Campo da Leña por Panaderas, San Andrés e Praza de Pontevedra. Finalmente, as liñas con destino e saída da Avenida de Hércules (4, 6, 6A, e 11) non verán afectado en ningún momento o seu percorrido ordinario, ao igual que a liña 5, no sentido Adormideras cara Praza de Pontevedra.

Documentos:

Plano Coruña21 (PDF) (601 KB)

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión