Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

17 de febreiro de 2017

A Concellería de Deporte pecha este domingo o prazo de inscrición extraordinario do medio maratón Coruña21, "unha proba que por enriba da visión competitiva destaca polo seu carácter saudable, lúdico e integrador"

A carreira, para a que xa hai anotadas 1.809 persoas participantes, celebrarase o domingo 26 de febreiro desde as 10.00 horas

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou na mañá deste venres a novena edición do medio maratón Coruña21, promovida polo Servizo Municipal de Deporte que terá lugar o próximo domingo, 26 de febreiro, e que conta xa con 1.809 persoas inscritas. Da proba, o edil destacou o seu carácter "saudable, lúdico e integrador, máis alá da visión competitiva das carreiras", así como o seu arraigo, tanto na vertente máis profesional como das convocatorias máis populares, e igualmente a súa vocación integradora, -a carreira contará coa participación de seis atletas con cadeira de rodas ou handbike-, "na que levamos tempo traballando e que dalgún xeito a define".O medio maratón municipal presenta un circuíto de dúas voltas, nas que as e os atletas percorrerán os 21.097,50 metros dun trazado homologado pola Real Federación Española de Atletismo. A saída, que estará situada, no Obelisco, terá lugar ás 10.00 horas. As persoas participantes distribuiranse en cinco caixóns distintos, segundo os seus respectivos tempos nos 10 km e  21 km. Así, mentres que no primeiro caixón de saída estarán os homes que percorran os 10 km en menos de 33 minutos e os 21 km en 1 hora e 20 minutos, e as mulleres que fagan os 10.000 metros en menos de 40 minutos e 1 hora e 35 minutos o medio maratón, no último caixón, o número 5, situaranse aquelas persoas cuxos tempos sexan superiores aos dos anteriores caixóns -que se poden consultar na web www.coruna.gal/carreiraspopulares-, ou que non posúan marca.

As e os participantes partirán do Cantón Grande cara a Linares Rivas, e pasarán pola praza da Palloza, avenida do Exército, estrada do Porto e a rotonda de Oza, onde darán a volta até a rotonda das Ánimas. Unha vez cheguen alí, darán a volta até o Obelisco para iniciar a segunda parte da proba, na que farán o mesmo percorrido pero que variarán ao chegar á rotonda das Ánimas, na que continuarán até o Paseo Marítimo-Pelamios e, posteriormente, encararán os últimos tres quilómetros até chegar á meta, no Cantón Grande. O peche da carreira será ás 12.30 horas. Este ano establecerase un tempo de 1 hora e 15 minutos para o paso polo 10 km -no segundo paso por Linares Rivas, á altura da rúa Menéndez Pelayo-, polo que, pasado o tempo límite correspondente tanto ao primeiro tramo da carreira, así como á distancia total, as persoas participantes que sigan en carreira deberán retirarse do circuíto oficial de competición. No Medio Maratón Coruña21 poderán participar todas aquelas persoas maiores de 18 anos, e estableceranse as seguintes categorías: Junior (1998-1999), Promesa (1995, 1996 e 1997), Senior (desde 1994) e até sete modalidades de veteranos segundo o ano de nacemento --desde 35 anos cumpridos no día da proba en diante--, ademais da categoría de atletas en cadeira de rodas, na que poderán participar persoas nacidas desde o ano 1998 en diante.  As persoas que desexen inscribirse na proba poderán facelo até ás 23.59 horas deste domingo,  día 19 de febreiro, a través da web www.carreirasgalegas.com A cota de inscrición, ao realizarse no prazo extraordinario habilitado pola organización -do 13 ao 19 de febreiro- será de 25€.

Recollida de dorsais

As e os participantes poderán recoller os seus dorsais e chips, que serán de uso persoal e intransferible, os días 24 e 25 de febreiro no Departamento de Deportes de El Corte Inglés do centro Marineda City, en horario de 17.00 a 21.30 horas o venres, e entre as 10.00 a 21.30 horas, o sábado. Cada un dos dorsais incluirá un código QR, a través do cal darase a coñecer o rexistro na proba. Como é habitual en todas as carreiras organizadas polo Concello, habilitarase un prazo excepcional para todas aquelas persoas que non poidan recoller o dorsal até o mesmo día da celebración. Así, poderán facelo entre as 08.00 e as 09.00 horas da mañá do domingo 26 -até unha hora antes da saída- no espazo preparado para este reparto no Cantón Grande. O Servizo Municipal de Deportes lembra que non serán admitidas na cronometraxe aquelas persoas que non estean inscritas ou que corran sen dorsal e chip.

Unha vez remate a proba, as clasificacións estarán dispoñibles en distintos paneis informativos na zona da meta. Tamén poderán verse en www.carreirasgalegas.com, onde cada participante poderá acceder á gravación en vídeo da súa chegada ao Obelisco, e, con posterioridade, na web www.coruna.gal/carreiraspopulares, desde a que poderán descargar o diploma conmemorativo do seu paso por Coruña21. Haberá recoñecementos para as primeiras clasificadas, así como para os primeiros atletas galegos e coruñeses. A organización outorgará, ademais, un premio acumulable a aquelas persoas que superen o récord da proba, que se establece en 1:02:57 na categoría absoluta masculina, e 1:11:16 na feminina.

Servizos

O Medio Maratón Coruña21 ofrece unha serie de servizos para facilitar a participación das e dos usuarios. O servizo de gardarroupa estará dispoñible nunha zona próxima a saída desde as 08.30 até as 09.30 horas, e desde as 11.15 até as 13.00 horas do domingo 26. Tamén contarán co servizo de duchas ao finalizar o percorrido, ao que se poderá acceder, en horario de 11.00 a 14.30 horas, no Pazo dos Deportes de Riazor. Como é habitual nestas probas, o Concello contará con servizo médico durante o desenvolvemento da carreira así como ofrecerá avituallamento, o cal estará dispoñible tanto na meta como ao longo do trazado do circuíto. Seguindo a normativa da IAAF, o primeiro punto situarase a partir do quilómetro cinco e, aproximadamente cada cinco quilómetros, haberá novos avituallamentos, que serán atendidos coa colaboración do Club Atletismo Coruña Comarca, Club Atletismo Riazor e Marineda Atlético. Todas aquelas persoas que desexen levar o seu propio avituallamento persoal, deberán entregalo na secretaría da carreira, situada nunha carpa xunto ao Obelisco, o domingo 26 antes das 09.00 horas da mañá.

Tal e como recordou o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento durante a presentación deste venres, o medio maratón está organizado polo Concello e a Federación galega de Atletismo, conta co patrocinio de entidades como son El Corte Inglés, Coca Cola, Horno San Brandán e Viajes El Corte Inglés, e a colaboración do Club de Atletismo Coruña Comarca, o Club Riazor Coruña e Marineda Atlético, así como da Deputación Provincial, Cruz Vermella e Protección Civil. Na comparecencia estivo tamén presente esta mañá a directora técnica da Federación Galega de Atletismo, Madó González, quen salientou o "cada vez maior número de corredores e corredoras populares que se inician neste tipo de probas".Para máis información sobre Coruña21, pode visitarse o portal web municipal www.coruna.gal/carreiraspopulares.

Documentos:

Coruna21-2017.jpg (1 MB)

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión