Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

1 de febreiro de 2024

Xa hai preto de 1.500 persoas inscritas entre a C21 e a 5K

Tariku Novales, récord de España de maratón, participará o 25 de febreiro na C21

Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes: “Esta carreira será un dos medio maratóns máis atractivos do país”

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, presentou esta mañá o medio maratón Coruña 21, que terá lugar na cidade o vindeiro domingo 25 de febreiro. A rexedora estivo acompañada polo presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín, e o campión e récord de España de maratón, Tariku Novales, que participará na edición número 16 da C21.

"Esta carreira promovida polo Goberno de Inés Rey será un dos medio maratóns máis atractivos do país, en gran medida grazas a que contaremos coa participación dun dos grandes fenómenos do atletismo actual", indicou Manuel Vázquez sobre a presenza de Tariku Novales, ao que agradeceu en nome da alcaldesa o seu interese pola proba. As inscricións para a C21 están abertas ata o 20 de febreiro e xa hai preto de 1.000 corredores e corredoras confirmadas. As persoas interesadas poden formalizar a súa participación na páxina web www.carreirasgalegas.com.

O Concello da Coruña e a Federación Galega de Atletismo organizan esta décimo sexta edición da C21, que conta cunha distancia homologada de 21.097,50 metros. A proba está incluída no calendario oficial das competicións da FGA e da Real Federación Española de Atletismo e disputarase nun circuíto totalmente urbano e cunhas características propicias para que as persoas participantes poidan bater as súas marcas.

O medio maratón manterá o percorrido das dúas últimas edicións. As persoas participantes comezarán e concluirán a C21 no Obelisco. A primeira parte transcorrerá por Ramón y Cajal, Salvador de Madariaga e o porto coruñés. Na segunda, os atletas percorrerán as praias de Riazor, Orzán e Matadoiro polo paseo marítimo e atravesarán a rúa San Andrés para ir ata Porta Real e, desde alí, chegar á meta.

Por outra banda, o Goberno de Inés Rey volve apostar nesta edición polo desenvolvemento en paralelo dunha proba de 5 quilómetros que lle permitirá ás persoas participantes gozar do ambiente do medio maratón e aclimatarse á distancia habitual do circuíto de carreiras populares Coruña Corre, que comeza o próximo mes de marzo. Dita proba conta xa con máis de 500 corredores e corredoras inscritas.

O concelleiro animou a inscribirse neste circuíto nestas datas e fomentar, deste xeito, a práctica do deporte entre todas as idades. "Non se entende A Coruña sen deporte e non se entende o deporte coruñés sen a C21 e o resto de carreiras populares", sinalou Manuel Vázquez.

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión