Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

30 de marzo de 2014

Paula Mayobre e Ramón Serantes coróanse na IV Popular Torre de Hércules - II Trofeo José Antonio Varela Calviño

Nunha multitudinaria carreira, a atleta do Bikila e o corredor coruñés foron os vencedores da proba absoluta, que tivo como meta o pé do milenario faro. O bo tempo favoreceu o desenvolvemento dunha competición que nesta edición pulverizou os seus mellores rexistros, e que é xa a segunda en participación, por detrás da emblemática Coruña10.

A atleta de Ares Paula Mayobre, do Bikila Club e o coruñés Ramón Serantes, da Sociedad Gimnástica de Pontevedra foron os vencedores da IV edición da Popular Torre de Hércules II Trofeo José Antonio Varela Calviño, terceira carreira do Circuíto Coruña Corre. A proba superou todas as expectativas de participación, confirmándose como a segunda en número de inscritos, só por detrás dunha clásica no calendario herculino, como é a Coruña10 que se realiza en outubro.

Un total de 3478 corredores, que ían dende a categoría de pitufos ata a de veteranos, déronse cita este sábado para gozar dunha competición situada nunha contorna única, as inmediacións do milenario faro romano, e que contou cunha boa climatoloxía durante ela. A alta participación confirma que na cidadanía calou a aposta do Concello da Coruña polo desenvolvemento deste circuíto popular de carreiras populares e a concienciación sobre a importancia da práctica deportiva e os hábitos de vida saudables.

A proba absoluta, con máis de 1200 inscritos e que superou os 854 que tomaron a saída o ano pasado nela, foi a última en dar o pistoletazo de saída, ás 19.30 horas. Os corredores tiñan por diante un trazado de 6.515 metros, no que destacaban os últimos 300, coa rampla de subida ao pé da Torre de Hércules. As persoas participantes arengadas polo numeroso público que acudiu á proba foron levadas polo aire cara á tan ansiada meta. O primeiro en cruzala en categoría absoluta masculina foi o veterano atleta coruñés Ramón Serantes, cun tempo de 22:16”, segundo foi Manuel Oliver, do Coruña Comarca, cun crono de 22:56” e en terceira posición chegou Pablo Díaz, do Alejandro Gómez, parando o reloxo en 23:13”.

Mentres, na proba feminina Paula Mayobre volveu confirmar o seu gran momento de forma vencendo cun tempo de 23:45”, ademais de entrar novena na xeral. En segunda posición chegou Teresa Corral, do Atletismo Monte Segade, cun crono de 28:02”, mentres que a terceira praza foi para Uxía García, do Atletismo Riazor Coruña, que parou o reloxo en 28:10”.

A competición abriuse coa disputa da carreira xuvenil e cadete de forma conxunta. Ambas as categorías tiñan que salvar unha distancia de 2300 metros repartidos en dúas voltas. En xuvenil masculina entrou en solitario e vencendo de forma clara Gabriel Rodríguez, do Atletismo Riazor, segundo foi Daniel Vila do CRAT e terceiro Rubén Ceide, do Atletismo Friol. Mentres, en mulleres, Atletismo Riazor Coruña copou o podio: a primeira en cruzar a liña de meta foi Paula Iglesias, mellorando a súa prata do ano pasado, a segunda Ana Martínez e o bronce conseguiuno Inés Oitaven. Co que respecta a cadete masculino, o ouro foi para Jorge Sieira, do Coruña Comarca, a prata recaeu en Pablo González e o bronce levouno Yago Pazos. En feminino, o podio foi para Aida Martínez, do Tui Thermalia, e Ana María Pajarrón e Sol García, as dúas do Atletismo Riazor Coruña, segunda e terceira respectivamente.

A continuación, foi a quenda da carreira infantil, cunha distancia de 1600 metros, repartidos en dúas voltas. No grupo masculino primeiro foi Ermías Fernández, do Coruña Comarca, subindo un chanzo con respecto ao seu segundo posto do ano pasado, prata foi o seu compañeiro Diego Martínez e terceiro David Fernández, do Marineda Atlético. En categoría feminina primeira e terceira foron atletas do Riazor Coruña, Marta Vilas e Raquel Iglesias, respectivamente, e segunda Lucía Seoane do Coruña Comarca.

Chegou a quenda da categoría alevín, que unicamente tiña que completar unha volta de 800 metros. Comezou a carreira feminina, que coroou como primeira a cambresa Lucía Conde, segunda foi Antía Prieto da Estrada e terceira Carla Mourelle, de Lugo, e que o ano pasado foi segunda nesta mesma proba. Mentres, na proba masculina o primeiro en cruzar a meta foi Gabriel Núñez, mellorando o seu segundo posto da pasada edición, a prata correspondeulle a Tomás López, do Atletismo Sada e o bronce a Manuel García, do Marineda Atlético.

Idéntica distancia percorreu a categoría benxamín. Na carreira masculina o podio foi para Sergio Prieto, da Estrada, Nicolás Echávarri, do Riazor Coruña e Sergio Soto, de Cambre. Mentres, na competición feminina o ouro foi para Susana Amor, do Atletismo Sada, prata foi Eva Prevot do Riazor Coruña e bronce para a súa compañeira Beatriz López.

Antes da absoluta, o numeroso público que acudiu a presenciar a Popular Torre de Hércules puido gozar con varias quendas por grupos de idade das carreiras de pitufos, que corrían unha distancia de 150 metros. Na última das carreiras para ata os nados no ano 2014, os novísimos atletas cruzaban a meta da man dos seus pais, algúns mesmo dando os seus primeiros pasos. Tanto as categorías pitufos, como benxamín e alevín recibiron unha medalla como recordo da disputa da carreira, que tivo como colofón a entrega de premios realizada no Frontón da Torre. O Circuíto Coruña Corre alcanza así o seu meridiano, coa realización xa de tres das seis carreiras. A próxima cita no calendario será o próximo 29 de xuño, a VII Cros Baixada San Pedro.

Dende este enlace poderás acceder aos resultados.

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión