Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

12 de febreiro de 2015

O maratón Coruña21 traerá á cidade a primeira competición en handbike

A proba realizarase o mesmo día da competición, 22 de febreiro, ás 09.55 horas, grazas ao percorrido que se disputará a unha única volta evitando así calquera risco para os corredores. Deportistas como Martín Varela, internacional na disciplina de tenis en cadeira de rodas, súmanse á iniciativa. Esta edición, na que participan os campións de España Pedro Nimo e Vanessa Veiga como lebres, destinará o 10% da inscrición ao proxecto de Ayuda en Acción contra a pobreza infantil.

O Concello, a través da Área de Deportes que dirixe Francisco Mourelo, informa das novidades do medio maratón, que por primeira vez e en colaboración co Proxecto Enki, a Fundación Abrente e a Fundación María José Jove, traerá á cidade herculina a primeira competición en handbike o mesmo día da VII edición de Coruña21.

Así, o 22 de febreiro ás 09.55 horas, realizarase o medio maratón adaptado no que poderán participar en handbike ou cadeira de atletismo todas as persoas que cumpran os requisitos esixidos no regulamento, independentemente de que estean ou non federados, que sexan maiores de 18 anos e cunha discapacidade física que xustifique a súa participación nesta categoría que estará limitada a 10 persoas. A inscrición, de carácter gratuíto, poderase realizar ata as 24.00 horas do 17 de febreiro a través da web do proxecto Enki: www.proyectoenki.com. Os atletas deberanse presentar unha hora antes da saída e, despois de cruzar a meta, establecerase unha zona de seguridade para as persoas participantes na que haberá unha carpa exclusiva do Proxecto Enki, onde os atletas serán atendidos por persoal cualificado e recibirán avituallamento e asistencia post-carreira.

Esta iniciativa é posible grazas a outra das novidades deste ano: o percorrido, que se disputará a unha única volta evitando calquera risco de convivir corredores con bicicletas. Así, respéctanse as características de circuíto chairo e rápido pasando polas zonas máis emblemáticas da Coruña e resaltando a beleza dunha cidade rodeada de mar. O percorrido comeza no Parrote e pasa pola Marina, Cantóns, praza de Ourense, Linares Rivas, Primo de Rivera, A Palloza, avenida do Exército, Ramón y Cajal, avenida Salgado Torres, rotonda de Lonzas, e volta por Salgado Torres, Ramón y Cajal, Alcalde Marchesi, ronda de Outeiro, estrada do Porto, rotonda de Oza, estrada do Porto, avenida do Exército, A Palloza, Primo de Rivera, Linares Rivas, praza de Ourense, praza de Mina, Juana de Vega, praza de Pontevedra, avenida Barrié de la Maza, avenida Buenos Aires, praza de Portugal, Paseo de Ronda, Esclavas, Manuel Murguía, Paseo de Ronda, San Roque de Afuera, Gerardo Porto, Millennium, Gerardo Porto, San Roque de Afuera, Paseo de Ronda, Esclavas, Paseo de Ronda, avenida Buenos Aires, Barrié de la Maza, paseo marítimo, rotonda de Adormideras, paseo marítimo, As Ánimas e O Parrote.

Ademais, fiel ao lema da carreira, Correr é máis que correr, o 10% da inscrición de Coruña21 destinarase ao proxecto de Ayuda en Acción contra a pobreza infantil, que apoia a máis de 9.000 nenos e nenas de 30 centros escolares. Tamén os corredores que o desexen poderán realizar unha achega voluntaria a maiores e habilitarase un dorsal cero para todos aqueles que queiran colaborar coa causa a pesar de non competir na carreira.

Dende a Área de Deportes lémbrase que aínda está aberto o prazo de inscrición para a carreira e que se cerrará o prazo o 17 de febreiro.

Entre as novidades tamén destaca a participación do campión de España de Maratón, o santiagués Pedro Nimo, ao que se lle une Vanessa Veiga, campioa de España de Medio Maratón no 2011 e de Maratón no 2012. Os seus papeis en Coruña21 serán facer de lebres para os corredores populares marcando un ritmo que foi elixido polos propios populares a través das redes sociais. Os tempos elixidos foron 1 hora 25 minutos para Pedro Nimo e 1 hora 30 minutos para Vanessa Veiga.

A Coruña segue dando pasos no camiño para consolidarse como referente do noroeste español do mundo deportivo e, en concreto, nas probas de atletismo, xa que a clasificación da Real Federación Española de Atletismo reflicte o ascenso do 20º posto ao 12º de Coruña10; o paso do 20º ao 6º de Coruña21; e o sétimo posto para Coruña42. Ademais, o número de participación cada vez é maior: Coruña10 multiplicou por 5 o número de participantes, mentres que Coruña21 duplicounos e a absoluta de Coruña42 mantense arredor dos 1.000 corredores. Como obxectivos para o 2015 propóñense acadar os 12.000 participantes entre todas as probas (incluída a proba paralela dos 10 quilómetros de Coruña42); aumentar a afluencia de corredores procedentes doutras comunidades autónomas e Portugal; consolidar Coruña42 como o referente dos maratóns do noroeste peninsular; seguir crecendo en porcentaxe da poboación que adquire hábitos de vida activa; e crecer un 5% en participación feminina.

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión